Mauro Rodríguez, un mozo de 22 anos membro da Asociación Down Lugo, vén de converterse na primeira persoa coa síndrome de Down en Galicia en acadar unha praza nunha oposición convocada polo Estado. Mauro Rodríguez é graduado medio en comercio e acredita experiencia no posto de ordenanza grazas ás prácticas realizadas neste ámbito no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela. Unhas prácticas formativas que se veñen realizando desde o ano 2008 grazas a un convenio de colaboración subscrito entre a USC é a Federación Down Galicia co obxectivo xenérico de favorecer a inclusión social e laboral das persoas con algún tipo de dificultade intelectual.
Convén lembrar que o pasado mes de maio, 25 persoas coa síndrome de Down e con discapacidade intelectual membros de Down Galicia concorrían ao exame das primeiras oposicións convocadas pola Administración central do Estado para persoas con este tipo de discapacidade. A convocatoria, feita polo Ministerio de Política Territorial y Administración Pública, está destinada a cubrir postos de persoal laboral fixo como Axudante de Xestión e Servizos Comúns e contempla 54 prazas en total, das que 3 corresponden á Comunidade galega, 2 na provincia da Coruña e 1 na de Lugo.
Mauro Rodríguez é tamén unha persoa moi activa no eido cultural e deportivo. Participa nun grupo de teatro e é un recoñecido nadador, protagonizando o mes pasado un novo reto na súa carreira, o de completar a nado os 10 quilómetros de distancia que separan as illas Cíes da costa de O Vao -xa no ano 2011 fora a primeira persoa coa síndrome de Down en completar a travesía a nado da Ría de Vigo-. Tanto no deporte, como na súa vida académica e profesional, Mauro Rodríguez está a demostrar que non existen barreiras para as persoas con discapacidade e que grazas ao esforzo continuo se poden cumprir soños e acadar metas.