Down España e a Fundación Sanitas lanzan, con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, a campaña “Rugby inclusivo, un placaje por la inclusión”, para impulsar a práctica conxunta deste deporte entre persoas con e sen discapacidade.
O deporte inclusivo consiste en practicar un deporte entre persoas con e sen discapacidade. É altamente recomendable, non só polo benestar físico e mental que implica, senón porque ademais consegue mellorar a calidade de vida e a inclusión social das persoas con discapacidade. Como se amosa no vídeo, o rugby é un deporte especialmente idóneo para as persoas coa síndrome de Down, xa que “a diferenza entre este e outros deportes é que no rugby todo o mundo vale, cada xogador é necesario, coas súas características, e todos os que o practican son útiles para o equipo”.
A campaña consta de 3 vídeos: un dirixido a asociacións de síndrome de Down e familias, cuxo obxectivo é dar a coñecer as vantaxes da práctica do rugby para as persoas coa síndrome de Down; outro deseñado para clubs e adestradores, que explica as bases do adestramento para as persoas coa síndrome de Down e un terceiro dirixido á sociedade.
Os vídeos, foron gravados durante unha xornada de adestramentos do Gaztedi Rugby Taldea (equipo de Vitoria composto por xogadores con e sen síndrome de Down), e contan coas intervencións e puntos de vista de profesionais e familias involucradas na práctica do deporte inclusivo, así como de xogadores con esta discapacidade intelectual, como Ana, unha moza que afirma que “practicar rugby é unha experiencia moi boa, que ademais de enchernos moito nos ensina os valores do deporte”. As familias dos xogadores comparten esta opinión e inciden na capacidade do deporte como expoñente de inclusión social e de fomento do “compañeirismo, respecto, e recoñecemento”, en palabras de Nela, nai dun dos xogadores del equipo.