A inicios deste mes de agosto, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, aprobou a creación da Tarxeta Acreditativa do Grao de Discapacidade, un documento que se entregará a tódolos galegos e galegas que teñan recoñecida algunha discapacidade nun grao igual ou superior ó 33%.
Esta tarxeta, existente xa en outras comunidades autónomas, substituirá en algún caso ós actuais certificados en papel, facilitando así a realización dos trámites coa Administración, aínda que en algunhas xestións seguirá sendo necesaria a presentación da documentación que se viña empregando ata o de agora. Deberá presentarse xunto co DNI, número de identificación de estranxeiro ou pasaporte e entre as súas características destaca a súa gratuidade, a súa validez en todo o territorio nacional e que será persoal e intransferible.
Poderá ser solicitada, preferiblemente por vía electrónica, por todas aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ó 33% e expedirase de oficio para aquelas persoas cuxa resolución de recoñecemento ou de revisión do grao de discapacidade teña lugar a partir do 5 de agosto.
A tarxeta acreditativa da discapacidade incluirá datos como o nome, os apelidos, o DNI e o grao de discapacidade do titular e indicará se lle resulta difícil empregar o transporte público e se precisa outra persoa para actos esenciais da vida.
A día de hoxe, estímase que teñen dereito a solicitala as 214.248 persoas con certificado de discapacidade en Galicia, segundo datos do último censo.
Solicitude: https://sede.xunta.es/portada
Código de procedemento: BS611B
Información: ¿Que é a tarxeta acreditativa e como podo obtela?