A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dependente da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, afianza o seu compromiso coa inserción laboral de persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual cunha achega de 2.250,78€ ó proxecto “Voluntariado e adestramento en habilidades complementarias ó posto de traballo para persoas coa síndrome de Down” de Down Galicia.
Este proxecto é unha iniciativa común e compartida por Down Galicia e os seus centros de traballo. Deste xeito, a execución das actividades foi levada a cabo por 4 destes centros (Down Compostela, Down Ourense, Down Pontevedra “Xuntos” e Down Vigo), mentres que a coordinación no desenvolvemento das mesmas correu a cargo da Federación e os 9 voluntarios participantes no proxecto. Cada centro de traballo contou con 2 voluntarios, agás Down Vigo que dispuxo de 3 persoas.
O principal obxectivo desta iniciativa é dispoñer dun equipo de voluntariado en rede eficaz e eficiente que contribúa ao adestramento en habilidades complementarias ó posto de traballo para persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual de Galicia.
Un total de 138 persoas usuarias de Down Compostela, Down Ourense, Down Pontevedra “Xuntos” e Down Vigo, participantes todas elas do programa de Emprego con Apoio de Down Galicia, puidéronse beneficiar das actividades realizadas durante este proxecto. Aínda que que con todos eles os voluntarios e voluntarias traballaron de forma puntual, o traballo diario e intensivo do equipo de voluntarios centrouse na atención de 42 destes 138 destinatarios (5 en Santiago, 11 en Ourense, 17 en Pontevedra e 9 en Vigo).
O desempeño dun posto de traballo, dereito universalmente recoñecido, constitúe unha serie de factores que inciden directamente no modo en que a persoa con discapacidade percibe ós demais e se percibe a si mesma. Pero tamén no modo en que é apreciada e valorada pola sociedade e no grao de liberdade do que dispón, non só no aspecto económico, senón tamén no aspecto social.