A Asociación Down Ourense vén de presentar o seu calendario solidario 2017, que se poderá adquirir a partir do día de hoxe en diversos puntos da cidade.
Nesta edición, a asociación contou coa colaboración do corpo da Guardia Civil de Ourense e dos fotógrafos Mani Moretón e Emilio Romanos, que conseguiron captar coas súas cámaras divertidos momentos das persoas usuarias da entidade e axentes do corpo de seguridade.
O acto de presentación do almanaque tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Ourense, onde a presidenta da entidade, Mara Prieto Fortes, destacou a importancia desta iniciativa e resaltou que “o calendario solidario supón para Down Ourense unha fonte de ingresos moi importante“. Tamén quixo agradecer ó corpo da Guardia Civil da cidade “a colaboración e o bo trato recibido en todo o relativo á sesión de fotos”.
Na rolda de prensa tamén participaron o alcalde da cidade, Jesús Vázquez Abad; a concelleira de asuntos sociais, María Sofía Godoy Gómez-Franqueira; o Comandante da Guardia Civil de Ourense, Jesús Gómez; o Director da Zona Ourense Centro de ABANCA, Carlos Díez Campos; e o fotógrafo Mani Moretón.
Vázquez Abad, pola súa parte, celebrou a participación do goberno local neste proxecto, xa que “o obxectivo último [da venda destes calendarios] é destinar a recadación a programas de autonomía persoal e gañar autonomía é gañar en calidade de vida, autoestima e afán de superación”.
Colaboración do tecido empresarial ourensán
Ademais da colaboración do Concello, foron tamén moitas as empresas da cidade que brindaron o seu apoio a Down Ourense neste proxecto: La Región, Telemiño, Egatel, Pérez Rumbao, Rivela, Alberto Míguez, Redegal, Ourenmatel, ECR2000, Angelo Milano, Imgrafor, Correos Express, Envialia e Abanca.
Este ano a tirada será de 2.500 ejemplares: 1.250 calendarios de parede e 1.250 calendarios de mesa, que se venderán a 5 € cada un. Os beneficios obtidos coa súa venda irán destinados integramente ós programas de promoción da autonomía que se levan a cabo en Down Ourense.
Como se pode conseguir?
Aquelas persoas que así o desexen, poderán adquirir o seu calendario solidario na propia asociación ou na tenda Angelo Milano (Rúa do Paseo, 30) ou ben poderán solicitalo enviando un correo electrónico a downourense@downgalicia.org. O envío a calquera punto de España é gratuíto, grazas á colaboración de Correos Express. Ademais, tamén poderá conseguirse nos seguintes puntos de venda:
- Centro Comercial Ponte Vella: 26 de novembro e 3 e 17 de decembro
- Hospital Cristal: 22 e 29 de novembro e 15 de decembro
- Hospital Nai: 24 de novembro e 1 e 13 de decembro