A Xunta de Galicia contribúe ó financiamento do mantemento e das actividades do servizo para a promoción da autonomía persoal que Down Galicia desenvolve durante este ano 2016. Mediante un convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a Federación, promóvense os programas orientados especificamente a favorecer a autonomía e a integración socio laboral das persoas coa síndrome de Down, atendendo á experiencia, equipo humano e medios dos que dispón Down Galicia para desenvolver a atención requirida.
O Servizo para a Promoción da Autonomía Persoal (SEPAP) de Down Galicia e as súas entidades membro está orientado a mellorar a autonomía das persoas con discapacidade intelectual e favorecer a súa plena inclusión e está organizado en diferentes áreas de atención, que comprenden todo o ciclo vital das persoas usuarias: atención temperá, educación, formación e emprego, vida adulta e independente e apoio familiar, entre outras.
O convenio asinado entre a Consellería de Política Social e a Federación Down Galicia contempla os seguintes obxectivos de intervención:
- Ofrecer intervencións de habilitación funcional co fin de potenciar as habilidades e o benestar das persoas usuarias, posibilitando a súa normalización no medio familiar e social.
- Proporcionar asesoramento e apoio ás familias, como un dos principais axentes activos no proceso de inclusión dá persoa con discapacidade.
- Desenvolver actuacións que permitan ás persoas con discapacidade acadar as máis altas cotas posibles de vida independente.
- Colaborar cos recursos comunitarios de formación, nos que estean integrados os usuarios, co fin de que así rendabilicen ó máximo os procesos de ensinanza-aprendizaxe e acaden a súa integración laboral.
- Promover a participación das persoas con discapacidade nas actividades de ocio e deporte normalizadas.
- Desenvolver accións de formación ocupacional e laboral que posibiliten a aprendizaxe e desenvolvemento de habilidades e coñecementos que lle faciliten a súa integración laboral.
- Garantir o dereito das persoas con discapacidade intelectual a expresar e vivir a súa sexualidade.
- Favorecer a difusión de información axeitada e positiva acerca das persoas con discapacidade intelectual.
- Promover proxectos de integración escolar, laboral, social, programas de saúde e todos aqueles que favorezan o desenvolvemento persoal e a plena inclusión das persoas coa síndrome de Down.
A través da consecución destes obxectivos contribúese a alcanzar a misión da Federación, mellorando así a calidade de vida das persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual.