Cunha achega de 5.926€, a Deputación de Pontevedra deu continuidade á colaboración que dende hai xa algúns anos ofrece ó proxecto “Emprego con Apoio – Provincia de Pontevedra: Talento profesional de persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual” que pon en marcha Down Galicia nesta provincia. Esta colaboración permitiu que un total de 85 persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual contaran cunha serie de apoios encamiñados a conseguir a súa inclusión no mercado laboral ordinario durante o ano 2016.
Grazas a esta axuda prestáronse apoios por toda a provincia, especialmente na capital e nas cidades e concellos máis importantes, aínda que tamén naquelas áreas xeográficas ás que pertencen os usuarios e usuarias do proxecto de emprego. Na área de influencia de Pontevedra, ademais da propia cidade do Lérez, pódense citar Redondela, Marín, Pontecaldelas, Cambados, Cuntis e Sanxenxo. Mentres, na área de Vigo, ademais da cidade olívica, destacan Tui, Ponteareas, Tomiño, Mos, Baiona, Cangas e Moaña, entre outros.
Desde o ano 2002, as entidades Down en Galicia desenvolven o programa “Emprego con Apoio”, deseñado para atender especificamente as necesidades e barreiras que as persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual atopan á hora de tentar acceder ao mercado laboral ordinario.
Este programa responde á reivindicación das persoas coa síndrome de Down ó seu dereito a traballar en ámbitos laborais normalizados e dispoñer de recursos que lles permitan acadar maiores cotas de autonomía e independencia. Así, Down Galicia facilita a inclusión social e laboral deste colectivo garantindo todos os apoios que tanto a persoa, como a familia e o empregador precisan.