O proxecto de inclusión educativa “Inclúeme, un máis na vida escolar”, acaba de ser galardoado polo Concello de Ferrol co seu IX Premio Solidario. A decisión do xurado foi unánime ó concordar que Teima presentaba o mellor proxecto para optar ao galardón nesta convocatoria, que foi publicada no BOP do 30 de novembro do 2016.
Así o anunciou o pasado xoves a Concelleira de Benestar Social, Muller e Igualdade, Saínza Ruíz, recoñecendo así a importancia deste tipo de proxectos na nosa comunidade.
No acto de entrega, previsto para o próximo 3 de febreiro, Teima Down Ferrol recibirá un distintivo solidario e unha dotación económica de 5000€, e beneficiarase do patrocinio e a divulgación do proxecto.
O Premio Solidario do Concello de Ferrol ten como obxecto principal premiar os esforzos de iniciativas e proxectos desenvolvidos no ámbito da Solidariedade, a Cooperación e o Voluntariado, con especial fincapé na posta en marcha, ampliación ou continuación de proxectos específicos neste ámbito e de alcance local ou internacional.