A Federación Down Galicia ven de firmar un convenio de colaboración coa empresa de restauración ARUME. Este convenio enmárcase dentro do programa “Emprego con Apoio”, liderado por Down Galicia para fomentar a formación e a inserción no mercado laboral ordinario dos participantes, persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual. Arume súmase así a esta iniciativa, ofrecendo a cerca de 30 usuarios e usuarias un curso formativo como monitor/a auxiliar de comedor.
O acordo consta dunha formación teórica dunha semana de duración na que os usuarios e as usuarias se familiarizarán coas claves para exercer o posto de monitor/a auxiliar de comedor escolar. Claves que, ao rematar, poderán experimentar xa que, durante tres semanas, realizarán prácticas formativas nos comedores xestionados por Arume. Cada participante contará coa supervisión dun profesional responsable que exercerá de titor durante todo o programa, e, por suposto, disporá de todos os medios e materiais necesarios para as diferentes tarefas que terá que realizar. Ademais, Down Galicia proporcionará un preparador laboral que servirá de apoio e estará presente durante todo o proceso de formación.
Esta iniciativa levarase a cabo nas principais cidades de Galicia, nas que a federación conta con entidades membro. Ao rematar a formación, todos aqueles usuarios e usuarias que a superen con éxito, recibirán un diploma de Monitor/a Auxiliar de Comedor Escolar. Ademais, Arume ofrecerá a algúns deles a posibilidade de ser contratados pola empresa. “A diversidade é un elemento diferenciador que nos enriquece, e dende Arume souberon ver esta oportunidade e aproveitala”, afirma Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia.
Desde o ano 2002, as entidades Down en Galicia desenvolven o programa “Emprego con Apoio”, deseñado para atender especificamente as necesidades e barreiras que as persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual atopan á hora de tentar acceder a empresas ordinarias. Arume quere aportar, un ano máis, o seu gran de area a esta iniciativa, xa que, tal e como afirma o xerente, Carlos Varela, “o ano pasado tivemos unha primeira experiencia a nivel local que resultou moi positiva, e este ano queremos dar un paso máis aló”.
Na rolda de prensa de presentación deste convenio tamén participaron Javier Saborido Díez, usuario de Down Vigo e traballador de Arume, e Víctor Martínez Docampo, usuario do programa de Emprego con Apoio de Down Galicia que comezará mañá a súa formación como monitor auxiliar de comedor escolar. Víctor destacou que ten “ganas de facelo ben para así conseguir un contrato”. Javier, pola súa parte, contou que o seu contrato “acabou antes do verán, pero Arume volveu a chamarme para este curso” e salientou que o que máis lle gusta “é traballar cos nenos porque aprendo cousas novas cada día. A verdade é que espero traballar con Arume durante moito tempo”.