Down Ourense visitou a pasada semana o CEIP Mestre Vide nunha divertida xornada de sensibilización. A iniciativa enmárcase dentro do programa de coordinación e sensibilización da contorna educativa e o seu principal obxectivo é promover e fomentar actitudes que favorezan a atención á diversidade.
A través de dinámicas de aprendizaxe cooperativa, como O mundo de cores, os alumnos de 5º de primaria puideron poñerse por uns minutos nos zapatos do seu compañeiro coa síndrome de Down e, a través do 1-2-4, tiveron o espazo para expor aquelas dúbidas relacionadas con este tema, dando resposta a todos os mitos que existen en relación a esta alteración xenética.
A inclusión na escola ordinaria é a vía e o medio máis adecuado para alcanzar o desenvolvemento persoal, formativo, psicolóxico e social de calquera persoa e, máis especialmente, daquelas que teñen algunha discapacidade. Deste xeito, a diversidade na aula é un proxecto que beneficia a todo o alumnado.