Para chupar os dedos!!
Así quedaron os pratos que os 14 mozos e mozas da Fundación Down Compostela prepararon baixo a supervisión de José Gómez, xefe de cociña do Hostal dos Reis Católicos, e de María Patallo, xefa de cociña do Parador de Corias (Asturias).
A formación, de dúas horas e media de duración, comezou cunha introdución sobre a importancia de levar unha vida sa combinando unha boa alimentación e unha vida saudable. José Gómez explicou o que se considera un almorzo ideal e cales son os mellores produtos para consumir á primeira hora do día.
Trala parte máis teórica, os asistentes puideron participar nunha cata de leites para coñecer as tres clases principais (enteira, semidesnatada e desnatada) e nunha cata de aceite de oliva para comprobar a acidez e o sabor de tres variedades diferentes.
O punto forte da xornada foi a elaboración, paso a paso, de dous pratos: un principal e unha sobremesa doce.
O prato principal, consistente nunha riquísima hamburguesa de salmón con encurtidos e froitos secos, concentrou gran parte da xornada. Cada participante deu comezo á receita cortando en pequenos anacos o peixe e picando os demais ingredientes antes de mesturalos. Coa axuda dun molde, prensaron a hamburguesa para cociñala nunha tixola con pouquiño aceite e, a continuación, prepararon o pan e as follas de verduras e hortalizas para completar o prato.
Para finalizar a mañá, os participantes elaboraron unha sobremesa doce moi sinxela. Para comezar, raiaron un pouco da tona dunha lima sobre uns cereais de millo azucrados e, a continuación, verteron sobre eles chocolate negro líquido. Para finalizar, colocaron pequenas cantidades da mestura sobre un papel de forno e esperaron a que solidificaran conseguindo un doce moi saboroso.
Esta xornada de formación laboral ofrecida polo Hostal dos Reis Católicos foi un éxito entre tódolos participantes. Unha gran experiencia na que os mozos e mozas de Down Compostela puideron poñer en práctica as súas habilidades culinarias e na que conseguiron aumentar os seus coñecementos da materia.