Cárgate de solidariedade é o lema co que as entidades Down en Galicia e La Voz de Galicia poñen á venda unha batería recargable externa con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down.
A venda deste produto ofrece a todas aquelas persoas que o desexen a oportunidade de colaborar de forma directa cos programas de inclusión e autonomía persoal que desenvolven as entidades Down en Galicia.
Deste xeito, todo aquel que estea interesado en adquirir a batería externa debe reservala no seu quiosco máis próximo desde o domingo 12 de marzo ata o xoves 16 de marzo, para poder recollela co xornal La Voz de Galicia o martes 21 de marzo, coincidindo co Día Mundial da Síndrome de Down.
A batería, feita en aluminio, presenta un deseño moi atractivo e actual e conta cunha capacidade de carga de 2200 mAh. Non volverás a quedar incomunicado coa túa batería Down!!
Esta campaña pretende concienciar á sociedade e permitirlle aportar o seu gran de area para que as persoas coa síndrome de Down conten con apoios e contornas adecuadas onde poidan demostrar a súa valía e crecer levando unha vida autónoma e formando parte da súa comunidade de forma visible e activa.
Esta iniciativa solidaria é posible grazas á colaboración desinteresada de La Voz de Galicia e da Asociación de vendedores de prensa e rede de puntos de venda de La Voz de Galicia.