Down Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e a institución do Valedor do Pobo organizaron de maneira conxunta a xornada “O desafío dos dereitos das persoas con discapacidade”, que tivo lugar o pasado 14 de marzo na sala de xuntas do Decanato da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela.
A inauguración da mesma correu a cargo de Consuelo Ferreiro Regueiro, secretaria xeral da USC; Milagros Otero Parga, Valedora do Pobo; e José Manuel Rey Varela, Conselleiro de Política Social, quen destacou que “non se trata tanto de que as persoas con discapacidade se adapten para integrarse na sociedade, senón que é a sociedade quen as ten que incluír”.
A continuación, expertos en distintos campos analizaron a novo paradigma dos dereitos das persoas con discapacidade, a modificación do Código Civil en materia de protección e apoio a este colectivo e o dereito ao sufraxio activo e pasivo no marco da participación democrática, entre outras cuestións.
Para finalizar esta xornada informativa, tivo lugar a mesa redonda “O presente e o futuro dos dereitos das persoas con discapacidade: Incapacitación ou promoción da autonomía?”. Nesta última parte, na que participou o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, diferentes perfís profesionais analizaron en profundidade esta cuestión, dando lugar a un debate ameno e moi enriquecedor. Prieto salientou que “é necesario que todos e todas recordemos que as persoas con discapacidad, ao igual que o resto da cidadanía, son suxeitos de dereitos e non obxectos pasivos ou necesitados de compaixón”.