A Praza da Pedreira de Pontevedra foi o escenario escollido pola Federación Down Galicia e por Down Pontevedra “Xuntos” para conmemorar un novo Día Mundial da Síndrome de Down. Baixo o lema “Incluír é construír”, as persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual reclamaron, un ano máis, os seus dereitos e defenderon a riqueza dunha sociedade diversa e plural.
Neste día, no que tamén se conmemoraba o XXV aniversario de Down Pontevedra “Xuntos”, as verdadeiras protagonistas foron as persoas coa síndrome de Down, que reivindicaron que “a sociedade debe respectar a cada persoa porque todos temos as nosas virtudes e os nosos defectos. Iso é precisamente o que nos fai diferentes e iguais ó mesmo tempo”.
Os encargados de conducir o acto institucional foron Ángeles Sabarís e Pedro García, mentres que Miguel Pérez foi o encargado de dar lectura ó Manifesto pola Autonomía Persoal. Todos eles, membros de Down Pontevedra “Xuntos” fixeron fincapé en que queren “que a xente comprenda que a diversidade nos fai medrar como sociedade e que nos fai ser mellores”.
No acto tamén interviron a Deputada de Cohesión Social e Xuventude da Deputación de Pontevedra, Digna Rosa Rivas Gómez; o Vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e os presidentes de “Xuntos”, Manuel Pérez Cabo, e de Down Galicia, Delmiro Prieto González.
O presidente de Down Galicia aproveitou a primeira parte da súa intervención para poñer de manifesto a necesidade de que o marco legal estatal se axuste máis á Convención Internacional dos Dereitos das Persoas con Discapacidade aprobada polas Nacións Unidas en 2006. Neste sentido, aproveitou a presenza institucional dos representantes autonómicos e municipais para solicitar implicación ante estas cuestións, ao tempo que agradeceu toda a colaboración recibida para poñer en valor as capacidades das persoas coa síndrome de Down e facelas máis visibles. Prieto finalizou a súa intervención salientando que “é necesario que todos e todas recordemos que as persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual, ao igual que o resto da cidadanía, son suxeitos de dereitos e non obxectos pasivos ou necesitados de compaixón”.
Pola súa parte, o presidente de Down Pontevedra “Xuntos”, Manuel Pérez Cabo, fixo fincapé en que “o camiño percorrido foi longo e non sempre cómodo” e resaltou que “houbo moito que loitar e aínda é necesario facelo hoxe en día, tanto coas diferentes administracións como coa sociedade en xeral, para que permitan que as persoas coa síndrome de Down poidan seguir avanzando nas súas metas e na súa propia autonomía”.
Premios Down Galicia
Down Galicia entregou, nesta edición, os IV Premios Down Galicia, que teñen por obxecto recoñecer o labor a prol da promoción da autonomía e igualdade das persoas coa síndrome de Down, realizado tanto por institucións e entidades como por persoas particulares.
O premio na categoría institucional foille concedido ó IES Montecelo pola traxectoria amosada ó longo dos anos no apoio á inclusión do alumnado coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual e pola colaboración continua do profesorado dos seus ciclos formativos cos programas e actividades que Xuntos leva a cabo. Mentres, na categoría de persoa particular, o galardón foille concedido a Ángel Barreiro García, pola súa continua e inestimable axuda e colaboración para a realización da Gala anual da asociación desde os seus inicios.
O premio consiste nun recoñecemento simbólico e na entrega dunha figura representativa da imaxe Down realizada polo artesán galego Fernando Porto.
Iluminación dos principais monumentos de Galicia
Os principais monumentos das sete grandes cidades de Galicia conmemoraron onte o Día Mundial da síndrome de Down. A Torre de Hércules, o Hostal dos Reis Católicos, o Pazo de Fonseca, a Cidade da Cultura, os concellos de Ferrol, Pontevedra e Santiago de Compostela, as Fonte de Catro Camiños en A Coruña e as da Rúa Aragón en Vigo, os edificios das Deputacións de Lugo e Pontevedra, o edificio do Fogar de Santa María en Lugo ou as Burgas de Ourense serán iluminados de azul na tarde-noite deste martes 21 de marzo.
Nacións Unidas aprobou en novembro de 2011 a declaración do 21 de marzo como Día Mundial da síndrome de Down. Establécese esta data, o 21 de marzo [21/03] como un símbolo, en referencia á triplicación [trisomía] do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.
‘#XTUMIRADA’, a campaña de sensibilización de Down España
‘#XTUMIRADA’ é a campaña de sensibilización nacional coa que Down España quere cambiar a forma en que a sociedade percibe ás persoas coa síndrome de Down. A súa intención é que todo o mundo aprenda a ver a este colectivo sen prexuízos nin estereotipos, comprendendo que estas persoas só teñen unha discapacidade, pero que cos apoios axeitados poden levar a cabo calquera meta que se propoñan: estudar, practicar deporte, aprender un oficio, traballar e levar o tipo de vida que elixan.
‘XTUMIRADA’ conta co apoio de 150 recoñecidas personalidades do mundo do cinema, a música, a televisión e o deporte do noso país. Rostros coñecidos como Dani Rovira, Iker Casillas, Maribel Verdú, Antonio Orozco, Vanesa Romero, Sergio Dalma ou Pedro Piqueras, que intercambiaron a súa mirada coa dunha persoa coa síndrome de Down para animar a que se produza un cambio real na forma en que a sociedade ve ao colectivo. Os seus retratos coa nova mirada viron a luz nunha magnífica e impactante mostra de fotografías que se inaugurou onte en Madrid, e que estará aberta ao público de forma gratuíta no edificio Castellana 81 desde o 22 de marzo ata o 7 de abril.