Un total de 71 persoas de tódalas entidades Down en Galicia presentaranse este sábado, 8 de abril, ao exame das oposicións convocadas pola Xunta de Galicia para persoas con discapacidade intelectual. Esta proba, que se celebrará no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, corresponde á primeira fase do proceso selectivo para o ingreso como persoal laboral fixo na categoría de Ordenanza na Administración galega.
A convocatoria, realizada pola Consellería de Facenda, ten por obxectivo impulsar a inserción laboral deste colectivo. En total, serán 426 persoas as que participarán neste proceso e que optarán ás 6 prazas que se ofrecen e que se distribúen entre toda a xeografía galega.
Tal e como recolle o acordo asinado o pasado ano entre Down Galicia e a Consellería de Facenda, desde a propia Administración levaranse a cabo as accións necesarias para implementar as adaptacións ao posto de traballo que sexan necesarias e impartirase a formación que se precise. Este convenio ten por obxectivo a realización de actividades de asesoramento e apoio na inserción laboral de persoas con discapacidade intelectual na Xunta de Galicia.
Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, valora positivamente esta aposta polo emprego público, no que “as persoas con algunha dificultade empezan a facer valer os seus dereitos” e destaca que “se segue avanzando polo bo camiño”.
A reivindicación do Emprego Público
O acceso ó emprego público para as persoas con discapacidade intelectual en xeral, e coa síndrome de Down, en particular, é unha das reivindicacións históricas da Federación Down Galicia.
Non foi ata o ano 2012 cando a Administración central convocou por primeira vez unhas oposicións en quenda única e independente para persoas con discapacidade intelectual. Naquela ocasión, un mozo lucense coa síndrome de Down acadou o posto de Lugo, converténdose no primeiro galego con esta síndrome que conseguía unha praza nunha oposición convocada polo Estado.
O feito de que ata entón as convocatorias se fixeran conxuntamente para o colectivo de persoas con algunha discapacidade – xa fose intelectual, física ou sensorial-, implicaba que non se tiña en conta que as dificultades dos diferentes grupos de persoas con discapacidade non son as mesmas. Considerando que cada tipo de discapacidade ten unhas particularidades propias, Down Galicia sempre reclamou que as adaptacións nas probas de acceso fosen específicas para cada grupo, xa que non é posible unha equiparación real de oportunidades de non terse en conta as diferenzas de partida.