A Deputación da Coruña colaborou con Down Galicia e as súas entidades membro nesa provincia durante o pasado exercicio 2016, cunha achega económica de 13.787,46 euros para o proxecto Emprego con Apoio de persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual na provincia da Coruña.
Grazas a esta axuda, puideron desenvolverse actuacións no ámbito da inserción laboral na empresa ordinaria que beneficiaron a un total de 57 mozos e mozas con discapacidade intelectual, maioritariamente coa síndrome de Down. Estas persoas pertencen ao grupo que forman parte da bolsa de emprego do servizo de Emprego con Apoio das entidades membro de Down Galicia da provincia da Coruña.
En virtude desta axuda, durante o período no que se desenvolveu este proxecto, asináronse 18 convenios de prácticas para 13 persoas que se atopaban en busca activa de emprego, contabilizándose persoas con varios períodos de prácticas na mesma empresa ou en empresas diferentes. A maioría destes períodos de prácticas non foron superiores a un mes de duración e por sectores, o 33% asináronse no sector servizos, o 17% en administración e oficinas, o 17% no sector agrícola, o 17% en comercio e o 5% en turismo e hostalería.
No mesmo período, asináronse 56 contratos de traballo por parte de 43 persoas, dándose a circunstancia de que varias persoas asinaron varios contratos ao longo do ano na mesma empresa (contratos temporais ou prórrogas de contratacións xa existentes). Dos contratos asinados, o 54% son de carácter temporal, mentres que o 46% son indefinidos. En canto ao tipo de xornada laboral, o 93% corresponde a xornada parcial, mentres que o 7% son a xornada completa. Por sectores, o 39% corresponde ó sector do comercio, marketing e vendas, o 33% ó sector servizos, o 9% a turismo e hostalería, o 7% a comunicación e ocio, o 6% a sanidade, o 4% a administración e oficinas, e o 2% ao sector da industria.