» Máis dun centenar de persoas de entidades Down xa traballan na empresa ordinaria

Cento oito mozos e mozas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual, usuarios e usuarias de entidades Down en Galicia, atópanse traballando nestes momentos en empresas ordinarias da súa contorna.

Por áreas de influencia desde as entidades Down en Galicia, na zona de Vigo son 49 as persoas que contan cun mínimo dun contrato nestes intres, 13 en Pontevedra, 11 en A Coruña, 10 en Compostela, 9 en Ferrol, 8 en Ourense e 8 en Lugo.

Destaca principalmente o número de contratados neste momento de xeito indefinido, xa que 59 persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual do servizo de emprego das entidades Down en Galicia gozan da tranquilidade que outorga este tipo de contrato grazas ó seu bo facer nos seus postos de traballo.

Todos eles son participantes do servizo de Emprego con Apoio que as entidades Down teñen en funcionamento dende xuño de 2002. As persoas inscritas neste servizo, que suman un total de 193 entre todas as entidades Down, reciben unha formación e unha preparación laboral que lles permite desempeñar os postos de traballo máis axeitados segundo as capacidades de cada quen.

Grazas a estas contratacións, os traballadores e traballadoras están a adquirir experiencia en postos tan variados como auxiliar de comedor, axudante de camareiro, expendedor de gasolina, masaxista ou operario dunha empresa de automoción, entre moitos outros.

No pasado exercicio 2016, foron 127 as persoas que contaron con unha oportunidade laboral asinando un total de 161 contratos, o que pon de manifesto a inestabilidade e a temporalidade nas contratacións dentro deste colectivo.

Máis alá do aspecto económico e da liberdade que outorga ter unha estabilidade laboral, a consecución dun posto de traballo contribúe na mellora da calidade de vida das persoas usuarias de modo moi positivo, posto que adquiren un incremento nas cotas de responsabilidade, de autoestima, de actividade e de autonomía, factores fundamentais para poder levar unha vida “normalizada”. A nivel de habilidades, obsérvase un aumento de iniciativa, de responsabilidade e de ilusión que afecta a todos os ámbitos da súa vida, mellorando considerablemente a súa sociabilidade.

 

A metodoloxía Emprego con Apoio

Desde o ano 2002, as entidades Down en Galicia desenvolven o servizo de Emprego con Apoio, deseñado para atender especificamente as necesidades e barreiras que as persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual atopan á hora de intentar acceder ao mercado laboral ordinario.

Este modelo baséase nun sistema estruturado de apoios e acompañamentos para guiar ás persoas demandantes de emprego a través de todo o proceso de inserción socio-laboral e asegurar a súa correcta incorporación ao posto de traballo. Deste xeito, as persoas que se incorporan a un posto, contan co apoio dun preparador ou preparadora laboral que se encarga de levar a cabo unha formación específica no propio posto de traballo, para que o traballador ou traballadora poida ir adquirindo progresivamente unha adecuada execución das tarefas. O apoio tamén se centra na potenciación da interacción social cos seus compañeiros e compañeiras de traballo e na mediación na relación con eles para que se desenvolva de xeito positivo e natural.

Paralelamente, as entidades Down realizan un labor de prospección laboral co fin de dar a coñecer esta iniciativa entre o tecido empresarial e acadar a súa colaboración por medio de contratos e/ou prácticas formativas. Neste sentido, a participación e a cada vez maior presenza das persoas con discapacidade intelectual nas empresas ordinarias contribúe de xeito eficaz a desterrar os tópicos que tradicionalmente se lles atribúen a este colectivo, resultando un xeito sumamente eficaz de inclusión social.