Vivir a emoción de facer o Camiño de Santiago ten un aliciente máis co proxecto Solidarios Non Stop de BBVA Asset Management. Realizando en bicicleta as etapas do percorrido entre Roncesvalles e Compostela, os ciclistas estarán apoiando o servizo de atención temperá das entidades Down de Galicia, dirixido ao desenvolvemento de cativos entre 0 e 6 anos e á orientación das súas familias. Quen non poida asistir tamén pode colaborar a través da chamada “pedalada cero”.
A actividade levarase a cabo o 23, 24 e 25 de xuño. Desta maneira, farase o percorrido nun só fin de semana a través de relevos, levando como testemuño un botellín ciclista que irase pasando desde a raia con Francia ata a capital galega. A inscrición, de 25 euros, vai destinada a apoiar varias iniciativas sen ánimo de lucro ademais da atención temperá de Down Galicia, como son ASDEGAL, Down Castilla y León e Fundación Lukas.
O prazo para formar parte da carreira remata o venres 12 de maio. Para apuntarse só hai que enviar os datos persoais que se indican no dossier a amsolidarios.es@bbva.com e facer o ingreso de inscrición na conta ES37 0182 0633 6202 0162 3949, indicando no concepto o nome completo, DNI e a palabra “inscripción”.
A organización proporciona a todos os participantes inscritos unha malla, un botellín, unha mochila e o dorsal. Este material achegarase no enderezo facilitado uns días antes de realizar o percorrido. Ao formalizar a inscrición o participante queda cuberto por un seguro de responsabilidade civil e accidentes deportivos.
¿Queres colaborar pero non podes asistir?
Se non podes achegarte para realizar o camiño, igualmente podes apoiar esta iniciativa a través de dúas vías.
– Pedalada Cero: Realiza unha achega a través do número de conta de inscrición, incluíndo no concepto o nome completo, DNI e a expresión “pedalada cero”.
– Apadriña Kms: Podes ser o padriño dun participante. Inclusive unha ou varias persoas poden apadriñar a un ou varios ciclistas. Ao participante apadriñado se lle fará entrega ao remate dun certificado cos quilómetros completados para que quen o apoie achegue a doazón asignada por quilómetro.
Accede aquí a toda a información sobre o Camiño de Santiago de Solidarios Non Stop.