O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, fixo entrega esta mañá a Delmiro Prieto, presidente da Federación Down Galicia, das primeiras 25 tarxetas AA (Acompañamento e Accesibilidade) para persoas coa síndrome de Down.
A tarxeta AA ten como obxectivo favorecer a accesibilidade a determinados servizos sanitarios dos pacientes diagnosticados daquelas patoloxías que o Sergas considera indicadas, así como o acompañamento dos seus familiares ou coidadores.
Inténtase minimizar, na medida do posible, as esperas nas consultas dos centros de saúde, consultas externas, servizos de urxencias e hospitalización. Ademais, permite o acompañamento permanente durante a asistencia sanitaria, agás se houbera algunha circunstancia clínica que o impedise ou o desaconsellase.
Este servizo está dispoñible para persoas con trastornos xeralizados do espectro autista, Alzheimer, parálise cerebral e, dende o pasado mes de marzo, estendeuse o protocolo a pacientes con discapacidade intelectual grave asociada a trastornos de conduta ou problemas de comunicación, marco no que se inclúen algunhas persoas coa síndrome de Down.
Para completar a visita, membros de Down Galicia e Down Compostela mantiveron unha pequena reunión cos representantes da Consellería de Sanidade alí presentes, na que lles presentaron as principais demandas do colectivo Down en materia de sanidade, que se centran principalmente no ámbito da atención temperá e do envellecemento.