» Sonora ovación dun repleto Salón Teatro trala representación do Grupo de Teatro Down Compostela

O Grupo de Teatro Down Compostela volveu conseguir o pasado sábado unha prolongada ovación dos máis de 270 espectadores que asistiron á representación de “Arturo, Arthur, Artur”, escrita e dirixida por Lucas Herrador. O Salón Teatro de Santiago encheu o seu aforamento para ver a estrea da novena obra que interpretan mozas con síndrome de Down e discapacidade intelectual. As gargalladas e os aplausos foron constantes durante os máis de 60 minutos que durou o espectáculo.

“Arturo, Arthur, Artur” amosa unha visión persoal da lenda do rei Arturo de Inglaterra, na que, ademais de recrear a historia, teñen cabida o humor e a invitación ao público para participar no espectáculo.

Paula Fernández (Merlín), Elena Zas (Dama do Lago) e Yone Zas (Roca Sacra) levaron o peso da representación, na que David Burés (Arturo) facíase co trono de Inglaterra tras conseguir sacar a “Escalibur”, a espada cravada na roca. A retranca e a música galega estiveron tamén presentes nesta representación na que non faltaron os torneos e as batallas, a maxia e a bruxería, a lealdade e a traizón e os cabaleiros defendendo a honra das damas.

Unha montaxe na que Lucas Herrador pretendía dar resposta á gran pregunta: “Que terá o rei Arturo que tanto nos atrae?”, e aínda que o propio director di que “todo está xa inventado”, quixo dar a oportunidade a este grupo de vinte mozos e mozas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual para demostrar sobre o escenario os seus dotes artísticos.

O resultado foi un espectáculo divertido, que provocou numerosas gargalladas e unha gran ovación final das máis de 270 persoas que onte asistiron á estrea, enchendo por completo o Salón Teatro, e que provocou que algúns non puidesen acceder ao patio de butacas.

Agora,  despois dunhas merecidas vacacións tras máis de seis meses de ensaios, o Grupo de Teatro Down Compostela volverá representar “Arturo, Arthur, Artur” o próximo mes de setembro en Rianxo.

Rebeca Munín, vicepresidenta primeira da Fundación Down Compostela, agradeceu ao comezo da obra a colaboración da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), “que nos permite estrear a obra neste marco incomparable do Salón Teatro”, así como a colaboración de todos os traballadores e voluntarios da Fundación. Neste sentido, Munín lembrou que tanto o vestiario, como a maquillaxe e atrezzo foi realizado polo persoal e voluntarios de Down  Compostela. Entre os asistentes á estrea atopábanse a concelleira de Politicas Sociais, Concha Fernández, e a directora do centro de instuticiones para Galicia de Caixabank, María Jesús García Piñeiro.