» Fundación Iberdrola España impulsa a inclusión socio-laboral de mozos e mozas de entidades Down en Galicia

Fundación Iberdrola España, a través da súa Convocatoria 2016 de Axudas Sociais, aporta 40.000€ ao proxecto “Talento profesional: Emprego con apoio para persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual” que Down Galicia desenvolve nos seus 7 centros de traballo nas principais cidades galegas (Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra y Vigo), estendendo así a súa actuación practicamente a toda Galicia.

A través deste soporte económico, 43 persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual de toda a Comunidade Autónoma de Galicia que se atopan en busca activa de emprego contarán cunha serie de apoios que facilitarán a súa inclusión socio-laboral no mercado laboral ordinario. Ademais, 51 usuarios e usuarias que xa se atopan desempeñando un posto de traballo na empresa ordinaria recibirán o apoio dun profesional da Federación para o mantemento dese posto.

Deste xeito, pódese dicir que a contribución da Fundación Iberdrola España terá como beneficiarias, de forma directa, a estas 94 persoas usuarias do proxecto de Emprego con Apoio e, de xeito indirecto, a 282 familiares que forman parte da rede de apoio de cada unha delas.

Durante o primeiro semestre do ano, das 94 persoas participantes neste proxecto, 18 delas firmaron 21 convenios de prácticas, polo que algunhas persoas contaron con máis de unha oportunidade formativa. En canto ás contratacións, 13 persoas asinaron un contrato de traballo. Practicamente a totalidade destas contratacións son temporais e a tempo parcial, o que dificulta a consecución dunha estabilidade laboral e un proxecto de vida.

Ademais, durante este período, contactáronse un total de 246 empresas de toda Galicia co obxectivo de lograr unha oportunidade laboral para algunha das 43 persoas destinatarias deste proxecto en fase de busca de emprego, pero tamén para conseguir a continuidade no posto de algunhas das 51 persoas usuarias en fase de mantemento.

O desexo de tódolos participantes é a súa incorporación ó mercado laboral porque teñen claro que dispoñer dun traballo permítelles acadar maiores cotas de autonomía e independencia, tanto a nivel social como económico. Ademais, é un espazo de recoñecemento público básico para a construción dun rol social activo e participativo na sociedade.

Para iso, desde o movemento Down Galicia ponse en marcha este proxecto co obxectivo de facilitar a inclusión socio-laboral deste colectivo no mercado de traballo ordinario, garantindo para iso todos os apoios que tanto a persoa, a familia como o empregador necesitan.