O pasado luns, a concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Saínza Ruíz, e a presidenta de Teima Down Ferrol, Patricia Serantes, asinaron un novo convenio de colaboración entre ambas entidades.
Nesta ocasión, a achega de 35.000€ irá destinada ao Programa “Participando. Inclusión na vida adulta” que Teima leva a cabo para apoiar a emancipación e a autonomía das persoas coa síndrome de Down e con discapacidade intelectual.
Este proxecto conta con varios obxectivos, entre os que destacan o emprego dos recursos comunitarios, a xestión económica, o manexo das novas tecnoloxías ou os apoios na procura de desprazamentos autónomos.
Por outra banda, tamén se centra na atención ás familias ou na liña a seguir no eido do Envellecemento activo.
O pago desta achega levarase a cabo en dúas fases, entregando 17.500€ no momento da sinatura do convenio, e a outra metade á finalización da actividade.
Saínza Ruíz destacou “a importante labor desta entidade na cidade de Ferrol” e lembrou que Teima “foi galardoada o pasado decembro co Premio Solidario na súa novena edición”. Patricia Serantes, pola súa parte, agradeceu “o compromiso do Concello que, un ano máis, serve para reforzar o noso traballo”.