Un total de 11 persoas pertencentes ás entidades Down en Galicia da provincia de Pontevedra superaron as probas para a obtención do certificado Celga 2, o que supón un 91,7% de aprobados en relación ó total de presentados (12).
Esta proba, celebrada o pasado 11 de xuño na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela, permite acreditar o coñecemento que unha persoa ten do galego a efectos de xustificar méritos ou requisitos laborais e académicos.
As persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais que preparan estas certificacións contan co apoio das entidades Down en Galicia, pero desde a Federación considérase necesaria máis colaboración a nivel local para acceder máis facilmente á formación preparatoria do Celga.
Nesta edición, estas probas de certificación, dependentes da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, foron máis accesibles que en anos anteriores grazas ás achegas da Federación Down Galicia. Deste xeito, as persoas participantes con discapacidade intelectual puideron solicitar antes da realización das mesmas, unha serie de adaptacións para facilitarlles o proceso.
Se ben é certo que este tipo de adaptacións xa se teñen realizado en outros procesos selectivos, aínda non se levaran nunca a cabo nas probas do Celga. Por este motivo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística contactou coa Federación Down Galicia iniciando un proceso de coordinación para chegar a un acordo que puidese facilitar ás persoas con discapacidade intelectual a realización das probas.
Así, de entre as adaptacións realizadas para as certificacións da proba do Celga 2 destacan a redacción da proba escrita coa técnica da lectura fácil e a ampliación do tempo para a realización das mesmas.