A Fundación Cofares, organización solidaria sen ánimo de lucro pertencente ao Grupo Cofares, fixo entrega esta mañá dunha doazón de 3.000€ para o programa de Atención Temperá da Federación Down Galicia.
Carlos Varela, conselleiro do Grupo Cofares, foi o encargado de facer entrega deste cheque a Sonia Caldas, xerente de Down Galicia, na sede que a compañía ten en Betanzos.
O Programa de Atención Temperá da Federación ten como obxectivo fundamental ofrecer aos nenos e nenas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual e ás súas familias un conxunto de accións optimizadoras e compensadoras que faciliten a súa adecuada maduración en todos os ámbitos e que lles permitan alcanzar o máximo nivel de desenvolvemento persoal e de inclusión.
O número de beneficiarios directos do proxecto ascende a unhas 36 persoas usuarias aproximadamente, repartíndose practicamente de forma equitativa entre nenos e nenas.
A Fundación Cofares ten como obxectivo coordinar a implicación dos farmacéuticos en obras sociais, así como fomentar a súa formación profesional e empresarial. Para iso, promove e financia iniciativas sociais en colaboración con diversas ONG, tales como o envío de axuda humanitaria, a organización de eventos solidarios ou a doazón de medicamentos.