Down Galicia celebrou esta mañá nas súas instalacións de Santiago de Compostela un acto para poñer en valor as accións que tanto a Federación como as súas entidades membro levan a cabo para favorecer a inclusión laboral das persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual no mercado laboral ordinario.
Nesta acción de visibilización, centrada no programa Emprego con Apoio que Down Galicia vén desenvolvendo desde o ano 2002, participaron Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia; Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela; Francisco Silva, delegado de Iberdrola en Galicia; e Pamela Casagrande, usuaria do programa de Emprego de Down Galicia.
A xornada, que entre outras cousas buscaba concienciar sobre a importancia dos apoios das institucións públicas e das empresas privadas no eido da inclusión no emprego, deu comezou coa proxección dun vídeo sobre o proxecto de Emprego con Apoio, onde se explicaban as vantaxes do programa e se destacaban os datos máis relevantes do pasado ano 2016. A continuación, Pamela Casagrande deu paso a un segundo vídeo no que se amosaba un día no seu anterior traballo na Xunta de Galicia.
Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, aproveitou a súa intervención para explicar o funcionamento do programa e recalcar que “o apoio do tecido empresarial e da administración pública é fundamental para que o futuro da nosa sociedade se basee na igualdade e na inclusión”. Prieto tamén escusou ao Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde López, quen non asistiu ao acto por mor da vaga de incendios que asola Galicia.
Francisco Silva, pola súa parte, salientou o “profundamente agradecida” que se atopa a Fundación Iberdrola por poder apoiar o programa de Emprego con Apoio, ó que considera básico para mellorar o acceso das persoas con discapacidade intelectual “a un complexo mundo laboral”.
A última intervención correu a cargo de Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela, quen destacou “a necesidade dun compromiso (co proxecto) por parte do Concello”, tanto como impulsor de contratacións como na sensibilización da sociedade. Noriega considera necesaria a “reserva de prazas” para persoas con discapacidade e cre que é unha “vía a explorar polas administracións públicas”. Así mesmo, quixo “agradecer a Down Galicia o traballo de concienciación e demanda constante”.
O programa de Emprego con Apoio conta nestes momentos co apoio económico da Consellería de Economía, Emprego e Industria e da Fundación Iberdrola.
A importancia do acceso ao mercado laboral ordinario
O acceso a un posto traballo é un dereito universalmente recoñecido. O seu desempeño inflúe directamente no modo en que unha persoa percibe aos demais e se percibe a si mesma. Tamén inflúe no modo en que esa persoa é percibida e valorada pola sociedade e, por suposto, no grao de liberdade de que a persoa dispón no aspecto económico e social. Deste xeito, a actividade laboral, como fin dunha traxectoria formativa, converteuse nunha das principais canles de inserción social das persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual.