A alcaldesa do Concello de Narón, Marián Ferreiro Díaz, e a presidenta de Teima Down Ferrol, Patricia Serantes, asinaron no día de onte un novo convenio de colaboración entre ambas entidades.
Nesta ocasión, a achega de 10.000€ irá destinada ao desenvolvemento do Servizo de Promoción da Autonomía Persoal (SEPAP) que Teima leva a cabo desde hai máis de 20 anos.
Así, este convenio permitirá desenvolver os seguintes programas e actividades:
- Atención Temperá, apoio escolar, atención educativa e orientación psicopedagóxica.
- Organización de actividades complementarias que poidan contribuír na mellora da saúde, desenvolvemento intelectual e interacción na vida social e laboral das persoas coa síndrome de Down.
- Seguimento da evolución das persoas con discapacidade e o apoio psicolóxico e orientación ás familias das persoas coa síndrome de Down ou discapacidade intelectual.
- Comunicación coas familias, ou coa sociedade en xeral, para unha incorporación social efectiva.
- Mantemento do material, local social e aula de medios audiovisuais.
- Organización e celebración de xornadas de estudo e divulgativas que faciliten a información e formación dirixidas a profesionais e á sociedade en xeral.
- Colaboración co Servizo Sociocomunitario Municipal en actividades de atención, orientación e incorporación social das persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual.
- Fomentar a promoción da muller coa síndrome de Down e tódolos ámbitos, así como aquelas políticas de discriminación positiva para promover a inclusión social de mulleres e homes coa síndrome de Down e discapacidade intelectual.
A alcaldesa de Narón agradeceu o “necesario traballo” que se realiza desde as entidades coas que se asinaron os convenios e destacou “o labor que (as entidades) realizan nas súas respectivas áreas, fundamental para contribuír ao benestar da cidadanía”.
No acto de sinatura, no que participaron outras 23 asociacións da comarca que traballan pola promoción social e educativa e pola participación cidadá, tamén estiveron presentes as concelleiras de Acción Social e Promoción Social, Catalina García e Teresa Sabio, e o edil de Medio Ambiente, Octavio Dopico.
FOTOGRAFÍA: Concello de Narón