O verán de 2017 chegou xa ao seu fin, pero deixou un moi bo sabor de boca en moitas das persoas participantes no programa de Emprego das entidades Down de Galicia.
E é que nestes catro meses, os que van de xuño a setembro, 20 persoas pertencentes ás distintas entidades membro da Federación Down Galicia, conseguiron un novo contrato de traballo, prorrogaron o que xa tiñan ou melloraron as súas condicións laborais. Así, neste período, acadáronse 14 novas insercións (4 en A Coruña, 3 en Vigo e Lugo, e 2 en Pontevedra e Ferrol), 5 ampliacións de contrato e 1 conversión en indefinido.
Estas novas oportunidades sumáronse aos contratos vixentes en toda a comunidade galega, sendo 129 as persoas que estiveron traballando en algún momento do período estival e, de estas, 113 facíano cun contrato indefinido.
Os postos de traballo desempeñados polos novos traballadores e traballadoras son bastante variados: manipulador de alimentos, operario de automoción, mariñeiro, conserxe, azafato de eventos, promotora de produtos, auxiliar administrativo, auxiliar de comedor, especialista en electrónica,… O que non fai máis que poñer de manifesto que as persoas usuarias da Federación Down Galicia e as súas entidades membro poden desenvolverse perfectamente en multitude de perfís profesionais.
E no outro lado da balanza atópanse as empresas. O colexio de avogados de Ferrol, a panadería A’Devesa, Bodegas El Paraguas, Fundación San Rosendo, o centro deportivo Be one, Alcampo ou o Concello de Agolada son algunhas das compañías ou institucións que neste período estival apostaron pola incorporación de persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual ós seus equipos de traballo.
A estas oportunidades laborais temos que sumar 24 prácticas formativas, que serviron para que aquelas persoas que as levaron a cabo adquirisen unha experiencia que favorecerá as súas futuras posibilidades de inserción no mercado laboral ordinario.
O acceso a un posto traballo é un dereito universalmente recoñecido. O seu desempeño inflúe directamente no modo en que unha persoa percibe aos demais e se percibe a si mesma. Tamén inflúe no modo en que esa persoa é percibida e valorada pola sociedade e, por suposto, no grao de liberdade de que dispón no aspecto económico e social. Deste xeito, a actividade laboral, como fin dunha traxectoria formativa, converteuse nunha das principais canles de inserción social das persoas con discapacidade intelectual.