Grupo Cimd da continuidade á colaboración co proxecto “Unha escola para tod @s: inclusión educativa de alumnos coa síndrome de Down” de Down Galicia cunha achega de 10.000 euros.
Este proxecto beneficia a 149 alumnos e alumnas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual membros das entidades Down, escolarizados en 124 centros da Comunidade Autónoma de Galicia, en calquera das modalidades educativas.
Esta achega económica do Grupo Cimd está encamiñada a alcanzar o maior grao de desenvolvemento e autonomía nos nenos e nenas coa síndrome de Down, a través da dinamización de experiencias educativas de calidade nos seus anos de escolarización. Este proxecto de apoio á inclusión escolar de Down Galicia trata de optimizar os recursos existentes e promover un alto nivel de colaboración entre os axentes educativos -escola, familia e asociación- co fin de coordinar as accións educativas necesarias en cada contexto e de non deixar ningunha área de aprendizaxe sen abordar.
Entre outras actuacións que se levan a cabo con esta iniciativa destacan as seguintes: colaborar cos docentes achegándolles a información e o asesoramento específico en relación ás características cognitivas do alumnado coa síndrome de Down; achegar os materiais necesarios para a aplicación de novas estratexias metodolóxicas; servir de nexo e fío condutor entre o profesorado e informar sobre a traxectoria educativa destes alumnos e alumnas, co fin de dar continuidade ao proceso educativo; e intervencións puntuais a demanda do profesorado para asesorar en temas cognitivos e de conduta.