José Manuel Rey Varela, conselleiro de Política Social, entregou o pasado martes a Pamela Casagrande, Elías Ledo e Carlota Rodríguez, os tres membros da Fundación Down Compostela que realizaron prácticas formativas na Xunta de Galicia o pasado ano, os diplomas acreditativos desta experiencia.
O convenio de colaboración entre Política Social e Down Compostela permitiu a estes tres mozos e mozas participar nun proxecto piloto de realización de actividades de aprendizaxe e integración laboral, realizadas entre o 1 de marzo e o 31 de decembro, cunha duración total de 516 horas.
Pamela Casagrande realizou as súas prácticas formativas na Consellería de Política Social, Elías Ledo na Presidencia da Xunta e Carlota Rodríguez na Vicepresidencia.
Neste encontro co Conselleiro, Pamela, Elías e Carlota estiveron acompañados pola coordinadora do programa de emprego con apoio, Branca Taboada, e polo presidente da Fundación, Juan Martínez.