Carlos González e Tamara Carballa son dous mozos de Vigo coa síndrome de Down que o pasado xullo, tras dous anos de moito estudo, superaron con éxito os ciclos formativos de Formación Profesional Básica nos que estaban matriculados.
Carlos, de 19 anos, cursou unha Formación Profesional Básica de Informática de Oficina no IES Pino Manso do Porriño e Tamara, de 20 anos, Formación Profesional Básica de Administración no IES Daniel Castelao de Vigo.
Ambos coinciden en que con tesón e esforzo pódese lograr calquera cousa e que con isto demóstranse a si mesmos e á sociedade que son capaces.
Agora, tras gozar dos meses de verán, queremos entrevistalos para facer balance e coñecer de primeira man as súas impresións.
Down Galicia. Que foi o que máis vos gustou destes cursos?
Carlos: Aprender cousas novas e saber que son capaz de superar as miñas dificultades.
Tamara: O que máis me gustou foi que nalgunhas actividades rimos unha chea e que (os meus compañeiros e máis eu) entendiámonos con só unha mirada.
DG. E o que menos?
C: Ter que estudar tantos exames porque era difícil e facíame un lío.
DG. Que foi o que máis che custou?
C: Entender o que dabamos nalgunhas materias e integrarme no grupo de compañeiros. Despois, co esforzo e axuda dos profes e dos meus compañeiros, conseguino.
T: Costoume moito asumir os meus erros.
DG. Que tal cos vosos compañeiros e compañeiras de clase?
C: Os compañeiros recibíronme moi ben, pero ás veces prefería estar só. Logo, en segundo, xa eramos amigos e falabamos das nosas cousas. Xogabamos ao fútbol no patio, viamos vídeos de Youtube xuntos, etc. En definitiva, teño que dicir que, aínda que me custou adaptarme ao grupo, aprendín moitas cousas deles e eles aprenderon que, aínda que teña síndrome de Down, podo sacar notazas e pasarmo ben.
T: Os meus compañeiros son o mellor que me pasou desde que empecei. Axúdanme a conseguir cousas novas e, de cando en vez, faciámonos compañía. Foron uns cursos moi movidos e cunha gran aprendizaxe.
DG. E os profesores e profesoras?
C: Respecto dos profesores, penso que todos foron moi bos comigo desde que empecei a FP Básica. Sempre me axudaron a entender as materias e déronme tempo para facer as cousas ao meu ritmo.
T: Pois todos súper simpáticos. Enfadábanse comigo de cando en vez, pero foron divertidos e un gran apoio para min. Esforzáronse por explicarme as cousas, ata as máis difíciles, detalladamente.
DG. Como vedes o voso futuro?
C: O curso que vén irei a un programa formativo na universidade. Ademais, gustaríame seguir aprendendo cousas, sobre todo de autonomía, para poder atopar un traballo, ter diñeiro, irme a vivir a un piso,…
T: Propúxenme seguir estudando. O que sempre me guiou foron os estudos, é o que máis valoro. Viaxando tamén se consegue aprender cousas novas, costumes e culturas de cada país.
DG. Queredes agradecer este éxito a alguén?
C: Quero dar as grazas ás miñas profes do instituto, en especial a Mercedes, a miña profe de apoio por axudarme con paciencia durante tantos anos. Tamén aos meus profes de Down Vigo, que me deron apoio sempre. Aos meus irmáns por coidarme, ensinarme a cociñar, darme consellos, axudarme cos apuntamentos e as horas de estudo, etc. Tamén a Pablo, porque me axudou a entender os temas e por descansar comigo xogando á Play. E quero dar as grazas en especial a Jorge, o meu pai, por axudarme a estudar, ensinarme a facer as cousas só e, sobre todo, a crecer como persoa cada día e sen limitarme por ter síndrome de Down.
T: O meu gran apoio sempre foi Down Vigo e doulles as grazas. Eles saben que a mellor maneira de aprender o que non sabes é preguntando. Son xeniais, apóianme en todo e axúdanme a mellorar como persoa. E tamén quería destacar á miña nai, que se esforzou por axudarme no que non me sae. Gústame que eles estean aí para que consiga o que me propuxen facer.
DG. Contádenos algo máis para terminar
C: Animo a todas as persoas coa síndrome de Down a que se esforcen e estuden para mellorar e ser independentes.
T: Para acabar quero contarvos que me gustaría participar no Programa Mentor de Down Galicia na Universidade de Vigo.
Desde Down Galicia só podemos darvos nosa máis sincero parabén. Bo traballo!!