O pasado martes, todos os partidos do Congreso dos Deputados mostráronse a favor de admitir a trámite a Proposición de Lei de reforma da Lei do Réxime Electoral Xeral (LOREG) elevada pola Asemblea de Madrid, co fin de terminar coa privación do dereito de sufraxio que soportan miles de persoas por razón de discapacidade intelectual, enfermidade mental ou deterioración cognitiva.
Esta modificación pretende eliminar a posibilidade de que nos procedementos de incapacitación legal os xuíces poidan privar do dereito de voto a determinadas persoas por motivos asociados á súa discapacidade, o cal é unha violación dos dereitos humanos das persoas con discapacidade establecidos na Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que España ratificou en 2008.
Segundo datos da Oficina do Censo Electoral, case 100.000 persoas con discapacidade están privadas no noso país do dereito político fundamental a exercer o sufraxio, situación inadmisible sobre a que Nacións Unidas advertiu a España en 2011, cominándoa a modificar con urxencia a súa lexislación electoral para adecuala ao tratado internacional de dereitos humanos das persoas con discapacidade. A teor desta Convención, ningunha persoa con discapacidade en ningún caso pode ser desposuída do seu dereito ao voto.
A Proposición de Lei que agora chega ao Congreso xorde dunha iniciativa lexislativa da Asemblea de Madrid, promovida polo Grupo Parlamentario Socialista madrileño a suxestión do CERMI, e aprobada no parlamento rexional co respaldo de todos os grupos políticos. Esta iniciativa recolle que “as persoas ás que se lles limitara ou anulara o seu dereito de sufraxio por razón de discapacidade quedan reintegradas plenamente no mesmo por ministerio da Lei”. A reforma legal entraría en vigor ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE).
FOTOGRAFÍA: Down España