O xurado dos Premios Solidarios ONCE Galicia 2017 emitiu o pasado venres o seu fallo, outorgando á curtametraxe “Sin mis manos” de Down Coruña e Ainé Producciones o premio na categoría de Comunicación.
A curta está interpretada por dous mozos da asociación Down Coruña e ten como artista principal ao actor Federico Pérez. O traballo reivindica a necesidade de recoñecer as capacidades de todas as persoas, alertando ademais de que a sociedade debe abandonar actitudes paternalistas que infravaloran as capacidades das persoas coa síndrome de Down.
Para ver a curtametraxe faga click aquí.
Os demais Premios Solidarios ONCE Galicia 2017 foron para o Instituto de Investigacións Sanitarias -IDIS- de Santiago de Compostela polo seu Proxecto de Biopsia Líquida, á activista coruñesa Laura Lizancos Moura, ao RC Deportivo da Coruña e RC Celta de Vigo e á Policía Nacional pola súa intervención nos incendios ocorridos no Sur de Galicia, con actuacións extremas como a de Chandebrito-Nigrán.
Os Premios Solidarios ONCE Galicia concédense a empresas, organizacións, medios de comunicación, persoas físicas e estamentos da administración pública aos que se recoñece a súa contribución solidaria á defensa e apoio da integración das persoas con discapacidade e doutros colectivos en risco de exclusión.
O Xurado destes premios estivo presidido por Carlos Fernández Lamigueiro, presidente do Consello Territorial de ONCE Galicia, e formaron parte do mesmo Manuel Martínez Pan, delegado territorial da ONCE; Eugenio Prieto, conselleiro xeral da ONCE; Arturo Parrado, Director Xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia; Elías Palacio, vicepresidente do CERMI-Galicia, e os xornalistas Tania Fernández Lombao, Consuelo Bautista, Eva Iglesias, Lara Vivero e Rafael Cid.
A gala de entrega destes galardóns terá lugar o vindeiro día 28 de novembro no Teatro Colón de A Coruña.