Xogando ao fútbol con Vero Boquete en San Lázaro, axudando a Moncho Fernández antes dun adestramento do Obradoiro, falando con Suso de Toro xunto á estatua de Valle Inclán, en brazos de Camila Bossa ou de Ángel Carracedo, tapando con Nerea Barros a unha das formigas do programa de Antena 3, ou de espectadores en Luar ou Land Rover. Son algunhas das fotografías que recolle o calendario solidario co que a Fundación Down Compostela quere reivindicar as calidades das persoas coa síndrome de Down. “Levan toda a vida ao noso lado, no barrio, a escola, o traballo… E queren seguir estando ao teu lado moitos anos máis”, dixo o presidente da Fundación, Juan Martínez.
Baixo o lema “21 anos contigo”, a presentación do calendario representa o punto de partida dos actos conmemorativos do 21 aniversario de Down Compostela, que se irán desenvolvendo durante os próximos doce meses, segundo explicou Juan Martínez.
“Este é un ano especial para todos os que formamos Down Compostela, e querémolo celebrar dando visibilidade a todo o que son capaces de facer as persoas coa síndrome de Down”, explicou Martínez. A Irene Rodríguez, xogadora de pádel, non lle importa compartir pista de squash con Borja Golán; Daniel Martínez e Daniel Pombo volveron a reencontrarse con Manuel de Andrade, tras compartir portada dun disco deste fai dez anos; a María Mirás non lle importaría presentar o Tempo en TVG con Ana Celia Vázquez, e Emma Cereijo quere compartir estudio con Marga Pazos. Francisco Fianza puido comparar o laboratorio no que traballa para coñecer o de Jorge Mira. Son momentos que Eutropio Rodríguez soubo captar nas imaxes que forman parte do calendario “21 anos contigo”.
Down Compostela pon á venda este calendario solidario co obxectivo, tamén, de recadar fondos para manter o amplo programa de actividades que ofrece na Fundación e do que se benefician 105 familias dunha trintena de municipios da comarca de Santiago. “Esta fin de semana estaremos no outlet que organiza Santiago Centro na Cidade da Cultura vendendo o noso calendario. Logo continuaremos en diferentes puntos e tamén na sede da Fundación, no barrio de Conxo”, explicou o presidente. Do mesmo xeito que en anos anteriores, editouse un calendario de parede e outro de mesa, que se poden adquirir cunha pequena colaboración de 5 euros.
Juan Martínez agradeceu a colaboración a todas as persoas que acompañan aos nenos e mozos da Fundación no calendario, así como ao fotógrafo Eutropio Rodríguez e a Juan Vázquez a maquetación do mesmo. Tivo un recoñecemento especial para todas as empresas que colaboran para facer posible a edición e impresión desta iniciativa.
“21 anos contigo”, lema para o aniversario
Moitas das personalidades participantes no calendario quixeron asistir á súa presentación oficial. Xosé Ramón Gayoso, Suso de Toro, Borja Golán, Camila Bossa, Jorge Mira e Ana Celia Vázquez quixeron apoiar a Down Compostela neste importante momento.
Durante a presentación, Juan Martínez indicou que, ademais do nome do calendario, “21 anos contigo” é tamén o lema elixido por Down Compostela para celebrar o seu 21 aniversario. “Optamos por celebrar os 21 anos para que se coñeza un pouco máis da síndrome de Down. O 21 é o cromosoma que os nosos fillos teñen en exceso. A trisomía 21 marca as características da síndrome de Down”, explicou.
“Con este calendario queremos lembrar que durante os últimos 21 anos, as persoas coa síndrome de Down estiveron connosco, contigo, comigo, no barrio, na escola, no traballo, reclamando os seus dereitos”, asegurou o presidente. Martínez recoñeceu que se avanzou moito neste período, pero lamentouse de que sigan existindo situacións de discriminación “e que se sigan poñendo obstáculos ás persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual no sistema educativo, non confiando nas súas posibilidades como traballadores, non permitíndolles tomar as súas propias decisións ou exercendo os seus dereitos, como o do voto”, engadiu o presidente de Down Compostela.
“Percorremos xa un longo camiño. En Down Compostela levamos 21 anos contigo e queremos seguir moitos máis ao teu lado, porque co apoio poderemos facer máis cousas e xuntos chegaremos máis lonxe”, asegurou o presidente da Fundación.
Martínez avanzou algúns dos actos cos que Down Compostela quere conmemorar o seu 21 aniversario durante os próximos doce meses, e que incluirá a presentación do videoclip “Tres en raia”, que o grupo A Banda da Loba cede á Fundación. En xaneiro, a Fundación contará cunha carroza na cabalgata de Reis de Santiago. Para o mes de marzo, todas as entidades galegas conmemorarán en Santiago o Día Mundial da Síndrome de Down, coincidindo coa gala que organiza todos os anos a Fundación. Como colofón a un ano cheo de actividades, Martínez indicou que en decembro de 2018 Down Compostela organizará o XVIII Encontro Nacional de Familias, ao que se espera asistan máis de 600 persoas de toda España.
Na presentación tamén participou Óscar Carril, usuario de Down Compostela, que quixo destacar que na Fundación se “sente como na casa”. Alí vai todas as mañás e algunha tarde porque quere “seguir aprendendo cousas e participando en diferentes actividades, como cursos de formación ou lecer inclusivo”. Carril aproveitou a súa intervención para “dar as grazas a todos os seus compañeiros e a todas as persoas famosas e non famosas que fixeron posible este calendario”.
Por último, en representación das personalidades alí presentes, Suso de Toro quixo dar as grazas a toda a familia de Down Compostela e resaltar que este calendario reflicte “unha historia de logros colectivos e de entusiasmo”. Así mesmo, destacou a importancia do cambio de paradigma na sociedade, onde “antes pretendíase a homoxeneización en todos os aspectos da vida, mentres que hoxe en día se aposta pola riqueza da diversidade e a valoración do diferente”.