Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, e José Manuel Rey Varela, Conselleiro de Política Social, asinaron esta mañá no Edificio Administrativo de San Caetano un convenio de colaboración que busca a mellora na calidade de vida das persoas coa síndrome de Down durante a etapa do envellecemento.
Este convenio, que achegará á Federación oitenta e cinco mil euros (85.000 €), ten por obxectivo o desenvolvemento dun proxecto de prevención e atención ao proceso de envellecemento das persoas coa síndrome de Down no que, partindo do análise, estudo e sensibilización das necesidades do colectivo se fomente a súa independencia e autonomía persoal.
O proxecto incluirá as seguintes actividades:
- Identificación das características e necesidades sociais, afectivas, intelectuais e físicas relativas á calidade de vida do envellecemento das persoas coa síndrome de Down.
- Estudo da prevalencia das necesidades detectadas segundo diferentes variables de relevancia: idade, sexo, área xeográfica.
- Análise da relación existente entre as necesidades detectadas e as diferentes variables obxecto do proxecto de estudo.
- Contraste das necesidades detectadas cos resultados de investigacións e estudos xa realizados.
- Definición dun mapa de necesidades das persoas coa síndrome de Down en relación ás diferentes dimensións de calidade de vida.
- Identificación de medidas e liñas de actuación que dean respostas axeitadas ás necesidades detectadas da poboación coa síndrome de Down e que contribúan a mellorar a atención do colectivo en todos os ámbitos.
- Difusión dos resultados ós servizos que atenden ás persoas coa síndrome de Down en idade adulta contribuíndo a paliar as necesidades detectadas e propiciando unha mellora na atención técnica multidisciplinar.
A media da esperanza de vida das persoas coa síndrome de Down incrementouse significativamente nos últimos anos, chegando incluso a superar os 60 anos. Os estudos amosan que as persoas con esta síndrome teñen un envellecemento precoz e máis probabilidade de que este sexa patolóxico. Por iso é necesario traballar en torno ao envellecemento activo do colectivo e á súa participación en recursos comunitarios para maiores. Por outra banda, tamén é fundamental avanzar no coñecemento das persoas maiores coa síndrome e Down e das súas particularidades, favorecendo así unha mellor e máis axustada atención.