» Down Galicia participa na exposición fotográfica Capacitarte

Onte, mércores 29 de novembro, tivo lugar a inauguración da mostra fotográfica “Capacitarte: así somos, así o facemos” que está aloxada nas dependencias centrais da Xunta de Galicia en San Caetano. Impulsada polo Cermi Galicia, a exposición conta con dúas fotografías de cada unha das súas entidades membro, entre elas Down Galicia, onde se pon en valor a diversidade e as capacidades das persoas con discapacidade.

Na presentación estiveron presentes o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, así como representantes das distintas entidades de discapacidade.

Consciente de que aínda queda moito por facer, o presidente do Executivo autonómico avogou por seguir estreitando a colaboración coas entidades e sumando esforzos para multiplicar os resultados. “Ser diversos permítenos aprender, traballar pola accesibilidade universal aos servizos públicos e elevar exponencialmente a importancia dos compromisos das institucións”, dixo Feijóo.

Neste sentido, subliñou que este é o obxectivo principal desta exposición do Cermi, unha mostra a prol dunha Galicia inclusiva e igualitaria, que se inaugura hoxe: proxectar os valores que transmiten as persoas con discapacidade e as entidades que os representan. “O seu traballo é imprescindible –incidiu Feijóo- para entender a sociedade no seu conxunto, en igualdade, plena de dereitos e de obrigas”, asegurou.

Feijóo concluíu destacando e agradecendo a Cermi Galicia e ás entidades que o conforman a dedicación que poñen cada día para que a sociedade galega siga avanzando no recoñecemento da valía das persoas con discapacidade e na súa integración social. Ao respecto, precisou que ao longo dun ano irán pasando polo espazo desta exposición as mostras do traballo de cada unha das entidades que agrupan e defenden ás persoas con discapacidade física e intelectual, coa finalidade de que os logros que acadan cada día non queden relegados a un segundo plano, senón que se perciban con toda a importancia que teñen.

 

Vía Xunta de Galicia