A Fundación Once, a través da convocatoria de axudas económicas no marco operativo de inclusión social e economía social 2014-2020, continúa apoiando o proxecto “Talento profesional de persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual” que Down Galicia leva a cabo na comunidade autónoma. Esta achega está cofinanciada polo Fondo Social Europeo dentro do seu obxectivo temático 9: “Promover a igualdade, a saúde e a inclusión social”.
Desta forma, persoas usuarias da Federación e as súas entidades membro poden contar cunha serie de apoios dirixidos a conseguir a súa inclusión no mercado laboral ordinario.
En virtude desta achega, que neste período 2016-2017 foi de 12.000€, un total de 43 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais contaron con algún apoio para a procura activa de emprego, mentres que outras 51 persoas tivérono para o mantemento do seu posto de traballo en empresas ordinarias.
Das 94 persoas participantes neste proxecto, 23 delas asinaron 29 convenios de prácticas, xa que algunha puido contar con máis dunha oportunidade formativa. En canto ás contratacións, 26 persoas asinaron un total de 40 contratos, incluíndo varias prórrogas. Practicamente a totalidade destas contratacións son temporais e a tempo parcial, o que dificulta a consecución dunha estabilidade laboral e un proxecto de vida.
Ademais, durante este período, contactáronse un total de 297 empresas de toda Galicia co obxectivo de lograr unha oportunidade laboral para algunha das 43 persoas destinatarias deste proxecto en fase de procura de emprego, pero tamén para conseguir a continuidade no posto dalgunhas das 51 persoas usuarias en fase de mantemento.
Este proxecto levou a cabo practicamente en toda a xeografía galega, especialmente nas capitais de provincia e nas súas cidades máis importantes, aínda que tamén noutros concellos aos que pertencen as persoas participantes no mesmo como Boqueixón, A Estrada, Oroso, Oleiros, Narón, Fene, Cotobade, Mos, Tui e Cangas.
Desde o ano 2002, as entidades Down en Galicia desenvolven o programa Emprego con Apoio, deseñado para atender especificamente as necesidades e barreiras que as persoas con síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual atopan á hora de tentar acceder ao mercado laboral ordinario.