Máis de 90 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais participaron o pasado ano no proxecto “Talento profesional: Empleo con apoyo para personas con síndrome de Down y/o discapacidad intelectual” que a Fundación Iberdrola financiou con 40.000€ a través da súa Convocatoria 2016 de Axudas Sociais.
A través deste soporte económico, 43 persoas usuarias dos 7 centros de traballo que Down Galicia ten nas principais cidades galegas (Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo) que se atopaban en procura activa de emprego contaron con apoios que facilitaron a súa inclusión socio-laboral. Ademais, 51 usuarios e usuarias que estaban desenvolvendo un posto de traballo en empresas ordinarias recibiron o soporte dun profesional da Federación para o mantemento dese posto.
Durante este ano, das 94 persoas participantes neste proxecto, 22 delas asinaron 29 contratos de traballo, polo que algunhas persoas contaron con máis dunha oportunidade laboral. Ademáis, 51 personas participantes conseguiron manter os seus postos de traballo. En canto ás accións formativas, 23 persoas asinaron 28 convenios de prácticas.
Con respecto ás contratacións laborais, practicamente a totalidade son temporais e a tempo parcial, o que dificulta a consecución dunha estabilidade laboral e un proxecto de vida. Continuando a liña de anos anteriores, os sectores que concentran o maior número de contratos asinados son, en primeiro lugar, o sector servizos seguido de comercio, márketing e vendas e turismo e hostalería.
Ademais, durante este período, contactáronse un total de 318 empresas de toda Galicia co obxectivo de lograr unha oportunidade laboral para algunha das 43 persoas destinatarias deste proxecto en fase de procura de emprego.