A Federación, que conta con máis de 600 socios e socias en todo o territorio galego, é un referente na loita contra as desigualdades e a exclusión social das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais
É ben seguro que o 2018 será un deses anos que a Federación Down Galicia gardará no recordo, xa que estes días da comezo o seu 20 aniversario. 20 anos desde o nacemento da organización nos que nunca se deixou de traballar a prol da igualdade de oportunidades e a inclusión social.
Foi alá polo 1998 cando familias de varias asociacións de toda Galicia decidiron unirse para canalizar as demandas do colectivo de persoas coa síndrome de Down ante a Administración e para aportar solucións que contribuísen a acadar a equidade da súa situación na sociedade.
Desde o seu nacemento, o obxectivo prioritario da Federación foi conseguir que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais conseguisen as máis altas cotas de autonomía posibles para levar unha vida autónoma, tomar as súas propias decisións e formar parte da sociedade dunha maneira visible e inclusiva.
A historia de Down Galicia e as súas entidades mostra como, nos seus inicios, estaban baseadas no voluntarismo e a voluntariedade dunhas familias que buscaban un novo e mellor futuro para os seus fillos e fillas. E como, nun período moi breve, foron transformándose en organizacións cada vez máis profesionalizadas, que creceron de maneira exponencial apoiadas desde as diferentes administracións e por financiadores cada vez máis comprometidos cos proxectos sociais.
Nos seus comezos, a Federación daba servizo a apenas 200 familias, número que creceu ano tras ano ata chegar ao momento actual, no que Down Galicia están a beneficiar a máis de 600 persoas e as súas familias en toda a comunidade galega mediante programas de atención temperá, inclusión educativa, formación e emprego, vida adulta e independente e un traballo transversal fundamentado nos dereitos das persoas con discapacidade. Pero pese a triplicar a atención, na actualidade as entidades membro da Federación ven limitada a súa capacidade e non poden chegar a atender a todas as persoas que o solicitan.
Moito camiño por percorrer
Este ano cúmprense dúas décadas de intenso traballo, de logros e progresos. A inclusión real na sociedade está a deixar de ser unha utopía para converterse nunha realidade. Pero aínda queda moito camiño por percorrer. Nestes vinte anos, Down Galicia e as súas entidades membro nunca deixaron de loitar, xunto con todos os estamentos sociais, para conseguir este obxectivo.
“Afortunadamente, os casos de exclusión social estanse a reducir desde hai dúas décadas, pero queda moitísimo traballo por facer. Aínda nos atopamos con importantes barreiras no ámbito educativo, no laboral ou no dereito que teñen, coma calquera outra persoa, a vivir a vida que eles mesmos decidan”, di Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia.
A Federación conta cun modelo de traballo propio, marcado polo compromiso social a favor da inclusión e a participación das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais na súa contorna.
Desde Down Galicia queremos convidarvos a todos e todas a participar neste 20 aniversario que, de seguro, estará cheo de bos momentos que agardamos compartir con todos vós.
Porque contigo podemos máis!