Cunha achega de 5.679€, a Deputación de Pontevedra deu continuidade á colaboración que dende hai xa algúns anos ofrece ó proxecto “Emprego con Apoio na provincia de Pontevedra: Talento profesional de persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual” que pon en marcha Down Galicia nesta provincia. Esta colaboración permitiu que un total de 103 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais contaran cunha serie de apoios encamiñados a conseguir a súa inclusión no mercado laboral ordinario durante o ano 2017.
Grazas a esta axuda puideron prestarse apoios por toda a provincia, especialmente na capital e nas cidades e concellos máis importantes, aínda que tamén naquelas áreas xeográficas ás que pertencen os usuarios e usuarias do proxecto de emprego. Na área de influencia de Pontevedra, ademais da propia cidade do Lérez, pódense citar Marín, Poio, Cambados, Redondela, Cuntis, Vilagarcía de Arousa e Cotobade. Mentres, na área de Vigo, ademais da cidade olívica, destacan Baiona, Tomiño, Cangas, Moaña, Mos, Porriño, Redondela e Ponteareas, entre outros.
Das 103 persoas participantes neste proxecto, 30 delas asinaron 37 convenios de prácticas, xa que nalgún caso puideron contar con máis dunha oportunidade formativa. En canto ás contratacións, asináronse un total de 122 contratos, incluíndo varias prórrogas e transformacións en indefinidos. Practicamente a totalidade destes contratos son temporais e a tempo parcial, o que dificulta a consecución dunha estabilidade laboral e un proxecto de vida.
Ademais, durante este período, contactáronse un total de 206 empresas de toda a provincia co obxectivo de lograr unha oportunidade laboral para algunha das persoas destinatarias deste proxecto.
En Down Galicia cremos na eficacia do Emprego Con Apoio desde o ano 2002. Esta metodoloxía, orientada á inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual no ámbito laboral normalizado, ofrece os apoios necesarios dentro e fóra da contorna laboral para conseguir unha óptima adaptación do empregado ou empregada ao posto de traballo. Deste xeito, a empresa conseguirá traballadores e traballadoras cualificados que se formarán directamente nos seus postos de traballo. A figura do preparador ou preparadora laboral da entidade Down é fundamental no proxecto, xa que acompañará á nova persoa traballadora durante todo o proceso: asesoramento, seguimento e apoio durante o tempo que dura a relación laboral.
Este programa responde á reivindicación das persoas coa síndrome de Down ó seu dereito a traballar en ámbitos laborais ordinarios e dispoñer de recursos que lles permitan acadar maiores cotas de autonomía e independencia. Así, Down Galicia facilita a inclusión social e laboral deste colectivo garantindo todos os apoios que tanto a persoa, como a familia e o empregador precisan.