A Federación Down Galicia vén de actualizar a súa “Guía de Orientación Académica e Profesional para persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual”, na que aquelas persoas que o desexen poderán atopar información moi útil sobre as diferentes opcións existentes en Galicia en relación a estes dous ámbitos.
Este documento foi creado co obxectivo de facilitar ás persoas pertencentes a este colectivo a busca dos mellores camiños e alternativas formativas e profesionais posibles, podendo tomar a continuación unha decisión de forma libre, reflexionada e responsable.
Neste sentido, o seu contido está encamiñado tanto a simplificar a elección dos itinerarios académicos (se o desexo é continuar no sistema educativo) como a facilitar a inserción laboral e profesional dos mozos e mozas que dan por terminada a súa formación.
Así, recóllese información de forma clara e sinxela sobre, por exemplo, as formas de acceso, saídas profesionais, duración ou modalidades das diferentes opcións formativas e profesionais que as persoas con discapacidade teñen á súa disposición. Esta información está dividida ao redor de 2 grandes eixos, as opcións de formación e as opcións e modalidade de emprego, que se completan cunha serie de interesantes recursos como referencias á lexislación, guías de recursos, páxinas web, recursos de apoio, listas de contratación pública, etc.
A importancia da orientación académica e profesional
Entre as dificultades máis relevantes coas que a miúdo se atopan familias e persoas con discapacidade intelectual á hora de elixir entre as diferentes alternativas formativas e profesionais, está a de non dispoñer dunha serie de criterios que lles axuden na toma de decisións e na configuración dun itinerario formativo e/ou laboral a seguir. De aí a importancia da orientación académica e profesional como unha das principais ferramentas facilitadoras de inserción socio-laboral e do traballo conxunto entre persoas con discapacidade, familias e servizos de orientación.
É por iso que esta guía foi elaborada, por un lado, como un recurso que axude tanto ás persoas pertencentes a este colectivo como ás súas familias a decidir sobre o seu futuro académico-profesional e, por outro, como un material de referencia á hora de empregar no desempeño das tarefas de todos aqueles profesionais que traballan neste eido da información, orientación e asesoramento.