Un total de 25 persoas de tódalas entidades Down en Galicia presentaranse o vindeiro 10 de marzo ao primeiro proceso selectivo convocado polo Parlamento de Galicia para a provisión dunha praza de uxier en Réxime interino.
A convocatoria, reservada para persoas que acrediten unha discapacidade intelectual, ten por obxecto impulsar a inserción laboral deste colectivo. En total, serán máis de 200 persoas as que participarán neste proceso e que optarán á praza que se ofrece.
Por outra banda, está previsto que Down Galicia e o Parlamento galego asinen nos vindeiros días un acordo polo que a Federación realizará actividades de asesoramento e apoio na inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual que pasen a prestar servizos na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, valora positivamente que o Parlamento continúe coa aposta polo emprego público iniciada pola Xunta de Galicia, xa que “as persoas con algunha dificultade poderán facer valer os seus dereitos”.
A reivindicación do Emprego Público
O acceso ó emprego público para as persoas con discapacidade intelectual en xeral, e coa síndrome de Down, en particular, é unha das reivindicacións históricas da Federación Down Galicia.
O feito de que as primeiras convocatorias se fixeran conxuntamente para o colectivo de persoas con algunha discapacidade – xa fose intelectual, física ou sensorial-, implicaba que non se tiña en conta que as dificultades dos diferentes grupos de persoas con discapacidade non son as mesmas. Considerando que cada tipo de discapacidade ten unhas particularidades propias, Down Galicia sempre reclamou que as adaptacións nas probas de acceso fosen específicas para cada grupo, xa que non é posible unha equiparación real de oportunidades de non terse en conta as diferenzas de partida.