A Capela Real do Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 21 de marzo, a partir das 20:00 horas, os actos conmemorativos do Día Mundial da Síndrome de Down e do 21 aniversario da Fundación Down Compostela. Nesta ocasión entregaranse os VII Premios Down Galicia, co obxecto de recoñecer o labor a prol da promoción da autonomía e igualdade das persoas coa síndrome de Down, realizado tanto por institucións e entidades como por persoas particulares.
Acto conmemorativo
Neste Día Mundial, os presidentes da Fundación Down Compostela, Juan Jesús Martínez López, e de Down Galicia, Delmiro Prieto González, estarán acompañados por representantes da Xunta de Galicia e do Concello de Santiago de Compostela.
Pero, unha vez máis, as verdadeiras protagonistas desta sinalada data serán as persoas coa síndrome de Down, que se farán cargo da presentación e desenvolvemento do acto e farán oír a súa voz a través da lectura do Manifesto pola Autonomía Persoal.
Serán as encargadas, ademais, de entregar os VII Premios Down Compostela que nesta edición recaen en Cafento, pola colaboración continuada coa área de formación da Fundación desde hai máis de 5 anos e pola súa labor de sensibilización mediante os campionatos Baristas Down; María Jesús García Piñeiro, directora do Centro Institucións Galicia de Caixabank, por impulsar o proxecto de teatro da Fundación, visibilizando así as capacidades das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais; Colexio Nuestra Señora del Rosario de Arzúa, pola súa boa predisposición na utilización de metodoloxías inclusivas nas súas aulas e por ser un modelo de inclusión a tódolos niveis; e Malena González Barreiro, Premio Extraordinario 2018, pola súa labor excepcional como voluntaria da Fundación Down Compostela desde hai case 8 anos.
A entrada a este evento será gratuíta.
Iluminación dos principais monumentos de Galicia
Un ano máis, os principais monumentos de Galicia tinguiranse de azul e amarelo para conmemorar o Día Mundial da síndrome de Down. Así, a Torre de Hércules na Coruña, a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, o concello de Ferrol ou a ponte romana de Ourense iluminaranse o vindeiro 21 de marzo para dar visibilidade e concienciar á sociedade neste día tan destacado.
Nacións Unidas aprobou en novembro de 2011 a declaración do 21 de marzo como Día Mundial da síndrome de Down. Establécese esta data, o 21 de marzo [21/03] como un símbolo, en referencia á triplicación [trisomía] do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.