A Federación Down Galicia e a Fundación Down Compostela conmemoran mañá, 21 de marzo, o Día Mundial da síndrome de Down cunha gala na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela. Este acto, que dará comezo ás 20:00 horas, ten como principal obxectivo que as persoas coa síndrome de Down poidan reclamar os seus dereitos e defender a riqueza dunha sociedade diversa e plural.
Neste día, no que tamén se conmemorará o 21 aniversario da Fundación Down Compostela, as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais volverán ser as protagonistas da gala, xa que serán as encargadas de conducir o acto, ler o Manifesto pola promoción da Autonomía Persoal e entregar os VII Premios da Fundación.
Durante o evento, as persoas asistentes poderán desfrutar tamén cun sketch da nova obra de teatro do Grupo de teatro Down Compostela, “A mansión de José Cruz”, así como da estrea do vídeoclip da canción Tres en raia do grupo galego A banda da loba.
No acto tamén intervirán os presidentes da Fundación Down Compostela, Juan Jesús Martínez López, e de Down Galicia, Delmiro Prieto González; o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela; o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña; e o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega Sánchez.
Premios Down Compostela
Un dos puntos álxidos da noite será a entrega dos VII Premios Down Compostela, que teñen por obxecto recoñecer o labor a prol da promoción da autonomía e igualdade das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, realizado tanto por institucións e entidades como por persoas particulares.
Neste 2018 a Fundación Down Compostela acordou recoñecer o traballo que veñen realizando o Colexio “Nuestra Señora del Rosario” de Arzúa (colexio Atocha), a empresa Cafento, a directora do Centro Institucións Galicia de Caixabank, María Jesús García Piñeiro, e a voluntaria Malena González Barreiro.
O premio consistirá nunha escultura do artista compostelán Cándido Pazos feita especialmente para representar estes galardóns: unha man montada sobre unha base de cuarzo do Pico Sacro. “A man é a máxima expresión do ser humano”, sinala o artista, quen utilizou as cores corporativas da Fundación (azul, amarelo e gris) para esmaltar as pezas. Coas mans, Cándido Pazos pretende simbolizar o apoio que os premiados deron ás persoas con síndrome de Down e a recompensa que recibiron por iso.
Iluminación dos principais monumentos de Galicia
Os principais monumentos das sete grandes cidades de Galicia conmemorarán este mércores o Día Mundial da síndrome de Down. A Torre de Hércules, o Hostal dos Reis Católicos, a Cidade da Cultura, a Ponte Romana de Ourense ou os concellos de Ferrol, Pontevedra e Santiago de Compostela, entre outros, serán iluminados de azul e amarelo na tarde-noite deste mércores 21 de marzo.
Nacións Unidas aprobou en novembro de 2011 a declaración do 21 de marzo como Día Mundial da síndrome de Down. Establécese esta data, o 21 de marzo [21/03] como un símbolo, en referencia á triplicación [trisomía] do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.