As persoas coa síndrome de Down reclamaron onte en Santiago de Compostela a igualdade de dereitos no acto conmemorativo do Día Mundial da síndrome de Down. Pamela Casagrande, condutora da gala na que tamén se celebraban os 21 anos da Fundación Down Compostela, animou aos asistentes a continuar xuntos a loita pola inclusión do colectivo e, coa lectura do Manifesto pola promoción da autonomía persoal, alzou a súa voz para dicir ben alto e ben claro que “as persoas coa síndrome de Down temos dereito a estudar, a traballar, a querer, a divertirnos e a ser persoas autónomas e independentes”.
Máis de 350 persoas acudiron ao evento celebrado no Hostal dos Reis Católicos, co que a Federación Down Galicia e a Fundación Down Compostela quixeron conmemorar o Día Mundial da síndrome de Down que se celebra hoxe en todo o mundo.
As persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais volveron a ser as protagonistas imprescindibles dun acto, presentado polo xornalista Luis Pardo, ao que asistiron os conselleiros de Sanidade e Política Social, Jesús Vázquez Almuíña e José Manuel Rey Varela, e o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega Sánchez.
O presidente da Fundación Down Compostela, Juan Martínez, comezou a súa intervención facendo fincapé nos 21 anos que neste 2018 cumpre a entidade. “Se hoxe celebramos o noso 21 aniversario, é grazas a dez persoas que deron un paso para poñer en marcha Down Compostela. Sen elas a nosa vida non sería igual, e a nosa sociedade tampouco sería a mesma, e por elas seguiremos reclamando a igualdade de dereitos e oportunidades”. Tamén aproveitou Martínez para agradecer “a aposta de moitos dirixentes políticos por leis pioneiras como a LISMI, a integración escolar, o acceso ao emprego ordinario e á función pública”. Pero tamén quixo amosar a súa preocupación polo “enfrontamento endogámico dos nosos políticos, que os afasta cada vez máis da realidade e que sempre prexudica aos menos favorecidos”. Como exemplos, o presidente de Down Compostela citou o retroceso na inclusión educativa, a diferencia no eido da igualdade de oportunidades entre comunidades autónomas e a pendente reforma da lei electoral.
Pola súa parte, o presidente de Down Galicia aproveitou a primeira parte do seu discurso para felicitar á Fundación Down Compostela polo seu 21 aniversario e agradecerlles “o apoio e o traballo conxunto dende hai máis de dúas décadas”. Tras este inicio, Delmiro Prieto quixo poñer de manifesto a necesidade de que o marco legal estatal se axuste máis á Convención Internacional dos Dereitos das Persoas con Discapacidade asinada por España en 2008. Neste sentido, aproveitou a presenza institucional dos representantes autonómicos e municipais para solicitar implicación ante estas cuestións, ao tempo que agradeceu toda a colaboración recibida para poñer en valor as capacidades das persoas coa síndrome de Down e facelas máis visibles. Prieto puxo tamén o foco na polémica Lei de educación (LOMCE) por “vulnerar os dereitos fundamentais das persoas con discapacidade, pola súa tendencia segregadora e pola ausencia de ferramentas que fomenten a verdadeira inclusión nas aulas”. Así mesmo, quixo salientar a importancia do envellecemento das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, xa que o aumento da súa esperanza de vida pon de manifesto a necesidade de levar a cabo actuacións que aborden esta nova situación.
VII Premios Down Compostela
Un dos puntos álxidos da noite foi a entrega dos VII Premios Down Compostela, que teñen por obxecto recoñecer o labor a prol da promoción da autonomía e igualdade das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, realizado tanto por institucións e entidades como por persoas particulares.
Neste 2018 a Fundación Down Compostela acordou distinguir o traballo que veñen realizando a empresa Cafento, a directora do Centro Institucións Galicia de Caixabank, María Jesús García Piñeiro, o Colexio “Nuestra Señora del Rosario” de Arzúa, e a voluntaria Mª Magdalena González Barreiro.
Francisco Fianza quixo agradecer a Cafento que desde 2012 contribuíra “a facer visible, mellorar e normalizar a imaxe das persoas con discapacidade intelectual”. “Queremos agradecer que sigades ao noso lado, dándonos oportunidades e abrindo novos camiños para as persoas coa síndrome de Down”, engadiu Fran. Alex Lado fixo entrega do Premio Down Compostela 2018 a Pelayo Collantes Fernández, responsable do departamento de márketing de Cafento.
Óscar Carril deu as grazas a María Jesús García Piñeiro por apoiar ao Grupo de Teatro de Down Compostela, facendo fincapé no importante que é para as persoas coa síndrome de Down “poder demostrar que somos capaces de memorizar largos textos, representar personaxes, seguir un guión e sacar adiante un espectáculo con éxito”. Elías Ledo foi o encargado de entregarlle o Premio Down Compostela 2018 á galardoada.
Pepa Lockhart presentou o premio outorgado ao Colexio Nuestra Señora del Rosario de Arzúa, “por todo o traballo feito ata agora en materia de inclusión educativa”. Pepa quixo aproveitar para reivindicar que ”na escola haxa un sitio para todas e todos, onde poder aprender e onde todos os nenos e nenas teñan presencia e participación”. Trala súa intervención, Pablo Balado fixo entrega do Premio Down Compostela 2018 a Mª de los Ángeles Santamarta Rodríguez, directora do centro.
Por último, entregouse o Premio Extraordinario “21 anos contigo” a Mª Magdalena González Barreiro. Carmiña Romero agradeceu a Malena o seu apoio contínuo. “Entregámosche este premio pola túa dedicación incondicional, pola túa capacidade de colaborar, por participar en todas as nosas actividades e pola alegría coa que o fas”, pechou Carmiña a súa intervención. Cristina Freire foi a encargada de entregar o galardón máis emotivo da noite.
Durante a entrega de premios, o Grupo de Teatro Down Compostela presentou un avance da súa nova obra de teatro “A mansión de José Cruz, que se estreará antes do verán. Ademais, os asistentes tamén puideron desfrutar cun vídeo que amosou o percorrido de Down Compostela nestes 21 anos e coa presentación do vídeoclip da canción “Tres en raia”, que A banda da Loba dedica a todas as persoas coa síndrome de Down e cedeu a Down Compostela. A canción forma parte do primeiro disco do grupo compostelá, ‘Bailando as rúas’.
Iluminación dos principais monumentos de Galicia
Os principais monumentos das sete grandes cidades de Galicia conmemoraron onte o Día Mundial da síndrome de Down. A Torre de Hércules, a muralla de Lugo, o Hostal dos Reis Católicos, a Cidade da Cultura, a Ponte Romana de Ourense, os concellos de Ferrol, Pontevedra e Santiago de Compostela, as Fontes de Aragón de Vigo e a de Catro Camiños na Coruña, e os edificios das Deputacións de Pontevedra e Lugo estarán iluminados de azul e amarelo na tarde-noite deste mércores 21 de marzo.
Nacións Unidas aprobou en novembro de 2011 a declaración do 21 de marzo como Día Mundial da síndrome de Down. Establécese esta data, o 21 de marzo [21/03] como un símbolo, en referencia á triplicación [trisomía] do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.