Down Pontevedra “Xuntos” inaugurou esta mañá de forma oficial o seu novo local na Rúa Gorgullón de Pontevedra. Unhas instalacións coas que se pretende dar cabida ás novas necesidades de espazo que Xuntos viña detectando debido ao seu crecemento dos últimos anos, tanto en número de persoas usuarias como en programas e servizos.
Este espazo contribuirá á mellora das actividades que a entidade leva a cabo, desde a atención temperá dos máis pequenos ao envellecemento activo dos maiores, pasando pola inclusión educativa, a formación e o emprego e a vida adulta e independente.
O acto contou coa asistencia de Dna. Digna Rosa Rivas Gómez, Deputada de Cohesión Social e Xuventude da Deputación de Pontevedra; Dna. Carme Fouces Díaz, Concelleira de Educación, Cultura e Igualdade do Concello de Pontevedra; e Dna. Blanca García-Señoráns Álvarez, Directora Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias da Xunta de Galicia.
Manuel Pérez Cabo, presidente de Down Pontevedra “Xuntos” quixo destacar que “este local é un soño cumprido”. “Hai 26 anos comezabamos esta andaina cun pequeno número de familias que non estabamos de acordo cos servizos prestados por aquel entón na sociedade. Pouco a pouco fomos medrando ata chegar a constituír unha gran familia superando o centenar de persoas usuarias”.
Por suposto, Pérez Cabo tamén quixo agradecer a todos aquelas persoas e institucións que apoiaron a Xuntos na consecución desta nova etapa porque “sen eles non sería posible estar hoxe aquí inaugurando este novo espazo”.
Deste xeito, deu as gracias á Xunta de Galicia, ao Concello de Pontevedra, a Supermercados Froiz, Ence, Panaderías A´Devesa, á Empresa TVMAC S.L, á Obra Social La Caixa, a Abanca, ao IES Montecelo, así como ao arquitecto Ricardo Aguilar, ao arquitecto técnico Jorge Costal e a Ángel Barry, que desde hai 21 anos colabora organizando a Gala Benéfica que ten como finalidade recadar fondos para a Asociación.
Esta acción está incluída dentro dos actos que a Asociación Down Pontevedra Xuntos e o movemento Down Galicia levaron a cabo para conmemorar o Día Mundial da síndrome de Down, que se celebrou en todo o mundo o pasado mércores 21 de marzo.
Nacións Unidas aprobou en novembro de 2011 a declaración do 21 de marzo como Día Mundial da síndrome de Down. Establécese esta data, o 21 de marzo [21/03] como un símbolo, en referencia á triplicación [trisomía] do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.