As entidades Down de Galicia tamén quixeron conmemorar o Día Mundial da síndrome de Down con numerosos actos reivindicativos e de sensibilización por toda a comunidade autónoma. Así, ademais do acto central da Federación e a Fundación Down Compostela, nas sete principais cidades de Galicia, persoas usuarias de todas as entidades membro da Federación Down Galicia quixeron saír á rúa a facer escoitar a súa voz.
A sede de Down Vigo recibiu a visita de Ignacio López-Chaves, delegado da Xunta na cidade olívica, e de Marta Iglesias, xefa territorial da Consellería de Política Social, que quixeron coñecer de primeira man o traballo levado a cabo pola asociación. Membros da xunta directiva, profesionais e persoas usuarias da entidade ensináronlle aos visitantes o local no que desenvolven as súas actividades, podendo estes comprobar in situ o traballo que realizan na asociación a diario.
Down Pontevedra Xuntos comezou o venres unha nova etapa nun local de máis de 500 metros cadrados que permitirá mellorar a calidade dos servizos ofrecidos aos seus usuarios e usuarias. A inauguración, na que participaron representantes da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello da cidade, congregou a case 100 persoas nun acto próximo e moi emotivo.
Na cidade de Ferrol, Teima Down Ferrol organizou dúas accións de sensibilización nas que participaron persoas usuarias e profesionais da entidade, así como moitas das familias que conforman a mesma. Pola mañá, os membros da asociación visitaron o concello, onde Ceci e Toni, membros da entidade, leron un manifesto reivindicativo nun acto institucional no que tamén interviñeron o alcalde da cidade, Jorge Suárez, e a presidenta de Teima Down Ferrol, Patricia Serantes. Pola tarde, familias e persoas usuarias da entidade asistiron o acendido da casa consistorial coas cores representativas do movemento asociativo da síndrome de Down, azul e amarelo. Alí, Rebeca, irmá de Aitana, leu unha carta dedicada á súa irmá coa síndrome de Down:
“Chámome Rebeca e son irmá de Aitana desde hai case 6 anos.
Hoxe é 21 de marzo, empeza a primavera, é o día mundial da síndrome de Down e pensei que era un bo momento para dicirlle á miña irmá e ao mundo algunhas cousas importantes para min.
Entendín que eras única cando notei que a túa vida cambiaba a perspectiva de quen te rodea. Que os teus tempos, pausados, facíanme máis paciente e máis orgullosa dos teus logros…A túa condición non te limita; vexo como saltas barreiras, vexo como gran a gran de area, constrúes un castelo. Sei que se te caes, ti soa te vas levantar. Que tes o teu mal carácter, pero tamén es pura alegría, auténtica. Agora pregúntome: Que faría eu sen ti? Sen as túas mostras de amor desinteresadas, sen o teu sorriso contaxioso, sen o teu peloteo para que non che rife,… Simplemente, non me imaxino unha vida sen ti. Tal e como es, así, es perfecta…
Porque sen ti, síndrome de Down, xa non serías Aitana. Quéroche irmá!”
As persoas usuarias de Down Lugo quixeron aproveitar o Día Mundial da síndrome de Down para saír á rúa e dicir ben alto e ben claro que “o desenvolvemento dunha sociedade está baseado na diversidade”. Acompañados por representantes do Goberno, da Xunta de Galicia, do Concello e da Deputación de Lugo, os membros da asociación fixeron un percorrido por todos os edificios iluminados de azul e amarelo en conmemoración deste día. Unha vez na Muralla de Lugo, unha representante da entidade leu o Manifesto pola promoción da autonomía persoal diante dos alí presentes.
Down Coruña presentou con motivo deste Día Mundial a súa tradicional curtametraxe que, nesta ocasión, leva por título “A mirada”. Esta peza audiovisual pretende destacar a normalidade na vida diaria das persoas coa síndrome de Down e a necesidade dun cambio na mirada de todas as persoas que conformamos a sociedade. Nun acto, no que tamén celebraron os seus 18 anos, a asociación compartiu con todos os presentes varias fotografías de Ana Amado que teñen como protagonistas a varios mozos e mozas da entidade e que optan aos prestixiosos Sony World Photography deste ano.
Por último, a entidade máis nova da Federación, Down Ourense, tamén quixo saír á rúa para ler o Manifesto pola promoción da autonomía persoal. Acompañados polo alcalde da cidade, membros da asociación afirmaron con rotundidade que “non somos cidadáns de segunda” e que “as persoas coa síndrome de Down somos seres humanos dignos de todo dereito”.