A Federación Down Galicia recibiu onte un dos dez Premios “La Caixa” á Innovación Social que a Fundación bancaria outorgou a entidades sociais de todo o país, recoñecendo así a importancia da educación inclusiva para o alumnado con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
“Unha escola para tod@s” foi un dos proxectos escollidos de entre os 643 participantes para levar os 15.000€ cos que estaba dotado este recoñecemento. O xurado, formado por personalidades do mundo do terceiro sector de acción social, a comunicación, a administración, a investigación e a docencia, considerou que o proxecto educativo da Federación era merecedor desta distinción pola súa aposta pola inclusión de nenos, nenas e adolescentes con discapacidade intelectual na escola ordinaria a través do desenvolvemento cognitivo e un traballo sistémico cos centros educativos, o alumnado e as súas familias.
Os Premios “La Caixa” á Innovación Social creáronse para recoñecer o importante esforzo que realizan as entidades sociais de todo o país e a vocación de transformación social real e directa a través de métodos innovadores, sempre co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas en situación ou risco de vulnerabilidade.
A entrega destes galardóns tivo lugar onte en CosmoCaixa Barcelona e estivo presidida pola ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Dolors Montserrat; o delegado do goberno en Cataluña, Enric Millo; e o director xeral da Fundación Bancaria ”La Caixa”, Jaume Giró.
As dez entidades gañadoras da cuarta edición dos premios, así como as catro que foron distinguidas con accésits, levan a cabo a súa acción social nas provincias de Barcelona, Madrid, Murcia, Málaga, Sevilla, A Coruña, Lugo, Segovia, Biscaia e Lleida.