Comezou como unha obriga para mellorar a súa motricidade, pero CarmelaMola vai camiño de converterse en toda unha firma de éxito.
Tras varios anos facendo colares e pulseiras como parte das súas técnicas diarias, Carmen Álvarez, unha rapaza coa síndrome de Down de A Coruña, decidiu que quería que a súa afección pola xoiería se transformase nun negocio de complementos. Apoiada pola súa familia creou CarmelaMola, una liña de bixutería que conta xa con varios centos de seguidores e seguidoras.
Con dúas coleccións baseadas na terra e no mar, CarmelaMola deixa entrever en cada unha das súas pezas a paixón que a súa creadora, quen se considera “unha manitas”, lle pon no proceso de elaboración. Estrelas de mar, peixes, áncoras, libélulas, lúas,… unha ampla selección cun gusto exquisito e un aire moderno.
Para facer realidade o seu soño, Carmen botou man dos seus achegados, que a acompañan nesta nova aventura. Así, a súa nai colabora con ela nas tarefas de deseño e elaboración dos produtos, a súa irmá pequena xestiona a páxina web e a tenda online que ela mesma creou e o seu pai céntrase no márketing e na publicidade da firma.
Xuntos traballan para poñer en valor o traballo realizado por Carmen e para dar visibilidade ás capacidades das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. Pero sobre todo, como salienta seu pai, “para que Carmen sexa feliz”.
Esta moza, á que lle encanta que a xente poña os seus deseños, dedica as fins de semana a elaborar os accesorios, que posteriormente colga na súa tenda online e nas redes sociais da marca.
Queredes coñecer máis desta emprendedora? Animámosvos a entrar na súa páxina web e redes sociais (Facebook, Youtube e Instagram).
Esperamos que vos gusten tanto coma a nós e, como di Carmen, #molaquetemole.