BBVA e Down Galicia presentaron esta mañá en Santiago de Compostela unha nova edición do programa de prácticas formativas ‘Emprego con Apoio’ cun espectáculo de maxia.
A través deste programa, que consiste na realización de prácticas formativas en oficinas galegas da entidade bancaria, os participantes adquiren unha experiencia laboral que lles axudará no proceso de procura de emprego ademais de mellorar as súas habilidades sociais para a integración en diferentes equipos de traballo. No acto celebrado hoxe, Yolanda Martínez-Baixo, directora do Territorial Noroeste de BBVA, José Manuel Martín Serrano, director de Zona de BBVA en Galicia Centro; e Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, entregaron os diplomas aos participantes do 2017 e deron a benvida aos que este ano realizarán as prácticas formativas.
A sede de Down Galicia en Santiago de Compostela foi hoxe escenario dunha xornada máxica. Mozos e mozas de Down Galicia e empregados de BBVA gozaron dun espectáculo de maxia a cargo do Mago Rafa, que os transportou a un mundo de ilusións e co que se presentou unha nova edición do programa de prácticas formativas impulsado pola entidade. Tras o éxito de anteriores edicións, o programa ‘Emprego con Apoio’ brinda outro ano máis a mozos e mozas coa síndrome de Down a oportunidade de visibilizar as súas capacidades á hora de desempeñar un posto de traballo, promocionando a súa inclusión socio-laboral.
Ao evento asistiu Yolanda Martínez-Baixo, directora do Territorial Noroeste de BBVA. Tras o espectáculo, destacou que “durante a actuación de maxia aprendemos algo: se mantemos a ilusión e cremos en nós mesmos, calquera cousa pode facerse realidade”.
Os 98 mozos e mozas galegas coa síndrome de Down que pasastes polas nosas oficinas desde o 2012 demostrastes que non vos fai falta maxia porque coa vosa ilusión sodes capaces de facer os vosos soños realidade. E en BBVA estamos moi orgullosos de poder formar parte deses soños.”
Pola súa banda, Delmiro Prieto, Presidente de Down Galicia, resaltou a importancia das oportunidades laborais para as persoas coa síndrome de Down e a transcendencia deste tipo de iniciativas. “O apoio do tecido empresarial é crucial para que o futuro da nosa sociedade se basee na igualdade, a equidade e a inclusión de todas as persoas”. Prieto quixo agradecer a BBVA a posta en marcha dun programa que ten como principal valor “a visibilidade que outorga ás persoas que participan no mesmo, debido a que poderán ser percibidas polo público, os clientes do banco, e os compañeiros de oficina, como persoas útiles e capaces”.
Para pechar a quenda de intervencións, Marcos Cruz, usuario de Down Galicia e participante neste programa de prácticas, agradeceu en nome dos seus compañeiros “as prácticas en BBVA, xa que puidemos demostrar as nosas capacidades”. Destacou o compañeirismo co que se están atopando nas oficinas e explicou as moitas tarefas que aprenderon durante o seu paso polas mesmas. Para terminar, Marcos pechou o seu discurso reivindicando que “as persoas con discapacidade temos dereito a traballar porque cun emprego poderemos levar unha vida máis autónoma e independente”.
Programa de prácticas formativas en Galicia
Desde 2012, 98 mozos e mozas beneficiáronse deste programa promovido por BBVA en colaboración con Down Galicia. Agora, a iniciativa repítese outro ano na comunidade autónoma co obxectivo de obter en 2018 tan bos resultados como os xerados nas súas anteriores edicións.
Ao longo deste ano, os 16 mozos e mozas de Down Galicia participantes traballarán en sesións de catro horas diarias durante un período de dous meses cada un en actividades administrativas.
A experiencia adquirida grazas a este programa favoreceralles nas súas posibilidades de inserción laboral posterior. As prácticas desenvolveranse en 13 oficinas de BBVA de Galicia, onde a entidade bancaria espera xerar unha experiencia moi positiva e de gran valor non só para as persoas participantes, senón tamén para os empregados e empregadas do Banco.