A Sede Afundación de A Coruña (Cantón Grande, 8) acolle a exposición fotográfica «Bailamos bajo la lluvia», obra dos fotógrafos Ana Amado e Rober Amado e organizada pola Asociación Down Coruña coa colaboración da Xunta de Galicia e Afundación.
A inauguración terá lugar ás 20:00h desta tarde, nun acto que contará coa presenza da fotógrafa Ana Amado; o presidente da Asociación Down Coruña, Manuel Álvarez Esmorís; a xefa territorial de Política Social da Xunta de Galicia, María Francisca Gómez; e o director-xerente de Afundación, Pedro Otero. Para finalizar, un grupo de bailaríns con discapacidade intelectual da Escola Artestudio Xestión Cultural da Coruña ofrecerán unha actuación de baile.
A exposición está composta por 54 fotografías que ofrecen instantes da actividade cotiá das persoas usuarias de Down Coruña, fuxindo así da condescendencia habitual coa que se afai a presentar a este colectivo. Os e as protagonistas aparecen bailando e representando escenas de coñecidas películas musicais para achegar ao espectador unha das actividades que mellor saben facer e que máis gozan.
Ana Amado, autora das fotografías, explica que “se trataba de dar un enfoque positivo, plasmar as cousas que saben facer; e como o que lles gusta é a música e bailar, pois os puxemos a bailar”.
Pola súa banda, Manuel Álvarez Esmorís, presidente de Down Coruña comenta que “o máis importante é que a xente, a través destas fotografías, poida visualizar e cambiar a percepción que teñen das persoas coa síndrome de Down”.
Esta mostra é xa todo un éxito, posto que o pasado mes de marzo converteuse nunha das finalistas na categoría “Contemporary issues” dos prestixiosos premios Sony World Photography Awards celebrados en Londres. A colección de fotografías, elixida entre máis de 320.000 traballos presentados por fotógrafos de 200 países, estivo exposta no edificio Somerset House da capital británica desde o 20 de abril ata o 6 de maio.
«Bailamos bajo la lluvia» poderase visitar do 8 ao 23 de xuño, de luns a venres en horario de 17.00 a 21.00h e os sábados de 12.00 a 14.00h e de 17.00 a 21.00h.